Sobre estas liñas pode verse o plano do futuro parque urbano da Parda. A distribución está xa situada no medio dos terreos, 33.000 metros cadrados pegados á estación de tren entre a rúa Ramón Otero Pedrayo e o barrio da Parda, que este venres recibiron unha visita oficial.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, visitaron os terreos para dalos a coñecer á prensa e analizar a súa situación actual. Nestes momentos, os servizos técnicos do Concello están estudando as ofertas presentadas por nove empresas para encargarse do proxecto.
A actuación saíu a licitación por 5,5 millóns de euros e presentáronse nove empresas. Unha vez que os servizos técnicos analicen todas as ofertas, realizarán un informe e a mesa de contratación realizarán a adxudicación.
O obxectivo de Lores é "iniciar as obras antes de final de ano". É "un proxecto importante de apertura da cidade, de máis equipamentos públicos e de zonas de esparexemento" e quere que quede encamiñado durante este mandato.
O alcalde destacou, durante a súa visita, que "vai ser o parque máis grande da cidade", que creará unha zona de esparexemento e unha área deportiva "nun barrio de moitísimo crecemento" como A Parda.
"Vai ser para toda a cidade, pero especialmente para o barrio da Parda", destacou, e insistiu en que os seus 33.000 metros cadrados equivalen a "tres veces a Praza de Barcelos ou tres veces Santa Clara".
A parte máis grande será unha pradeira de 10.000 metros -case 11.000- e aí irá o futuro pavillón da Parda, un proxecto que se vai acometer por separado e para o que aínda se están a definir todos os detalles.
O futuro parque terá zonas axardinadas, dúas zonas de aparcamento con 400 prazas -unha na parte sur e outra na norte-, parques infantís e varios miradoiros sobre a estación do tren e a cidade.
A este futuro parque poderase acceder por dous lugares, a través desde a zona dos xulgados da Parda e tamén pola rúa Entrevías e Ramón Otero Pedrayo. Desde esta segunda zona, vaise poder conectar co parte do Gafos, de maneira que quede unha grande área natural e de esparexemento que comunique tamén con Tomeza.
No caso do futuro pavillón, Lores sinalou este venres que continúa en estudo, pois "estamos a falar de moitísimos cartos e é máis dificultoso tramitar", de maneira que non quixeron agardar a ter pechado o proxecto para poder acometer este parque. De momento, continúa a procura de investimentos e logo xa se poderán definir os futuros usos e xestión.