Conta atrás para iniciar as obras que completarán a rede de saneamento en Verducido

Pontevedra
27 de xullo 2024

Esta actuación quedara paralizada logo da negativa dun particular a deixar facer uso dun terreo polo que debía pasar a rede. Solucionada esta problemática, o plan seguirá o seu curso

Obras de saneamento en Verducido
Obras de saneamento en Verducido / Concello de Pontevedra

A partir da próxima semana retomaranse as obras para completar a rede de saneamento na parroquia de Verducido, segundo avanzou a edil da área de rural, María Xosé Abelleira.

Esta actuación quedara paralizada logo da negativa dun particular a deixar facer uso dun terreo polo que debía pasar a rede. Solucionada esta problemática, o plan seguirá o seu curso. 

Abilleira explica que a empresa encargada da obra non puido comezar antes a obra por mor das condicións do terreo, "xa que é unha zona con moita auga que impedía o paso das máquinas para rematar a primeira fase do saneamento na parroquia".

"Por fin, e despois de lograr ese permiso para que as máquinas poidan pasar por terreos particulares, a veciñanza contará cun servizo necesario", asegurou a concelleira, que agradeceu que os veciños e veciñas permitiran o paso das tubaxes polas súas leiras.

Desde o goberno municipal recomendan que a veciñanza solicite a conexión coa rede de saneamento "o antes posible", pois unha vez realizados os asfaltados terían que acometer eles a reposición das pistas que sexan abertas ou danadas. 

O saneamento de Verducido é, xunto ao de Santo André de Xeve, o último en rematar. 

Estaba proxectado en dúas fases e valorado en máis de 4,7 millóns de euros.

A primeira fase está case rematada e pendente de conectar, tras un investimento de 2,43 millóns, e a segunda, valorada noutros 2,36 millóns, poderá iniciarse agora que foi recibida a autorización do particular.

Este permiso era necesario para poder conectar a primeira fase e a segunda e darlle saída a todo o saneamento.