A Semana da Ciencia volverá citar en Pontevedra a profesionais que son referencia no mundo da investigación. Desde a Sociedade de Ciencias de Galicia xa están a pechar o programa de actos, que vai desde charlas didácticas a un concurso escolar. Esta edición, ademais, conta co patrocino da fábrica pasteira Ence, a través do I Plan Social, no apartado de apoio a Proxectos de Educación e Cultura.
Co presidente da Sociedade de Ciencias de Galicia, Antonio Miguel de Ron Pereira, falamos desta cita científica, referente en Pontevedra desde 2010.
Pode explicarnos en que consiste a Semana da Ciencia?
- É a oitava Semana da Ciencia que celebramos. Empezámola a facer desde a Sociedade de Ciencias de Galicia, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, que é onde eu traballo; o Liceo Casino de Pontevedra, que é onde se celebra; e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra. O acto central é un concurso de debuxo, que vimos organizando desde o segundo ano da Semana da Ciencia, porque vimos que é unha maneira de mobilizar á sociedade. Trátase dun concurso escolar, de 6 a 11 anos, por categorías, e o lema que escollemos é o que declara as Nacións Unidas. Tivemos concurso dedicado á auga, a luz, a enerxía, os chans, a agricultura familia... E este ano é o turismo sustentable para o desenvolvemento. (...) As actividades desenvólvense no Liceo Casino e, un dos días, adoitamos facer unha mesa redonda sobre o tema que se está celebrando.
Pódenos adiantar que relatores formarán parte da mesa redonda?
- A mesa redonda vaise celebrar o día 16 de novembro e aínda non pechamos os nomes dos que a van a formar. As intervencións serán relativamente breves e o que queremos é buscar unha persoa que atraia público, que sexa atractiva, mediática. Logo, nesa mesa estará un representante da Misión Biolóxica de Galicia, un representante da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e buscaremos tamén un técnico especialista no medio ambiente, que ben pode ser da Xunta ou de Ence. En poucos días anunciarémolo.
Con respecto a pasadas edicións, que supón a achega de Ence?
- Desde o punto de vista económico, suponnos moito porque se fan cargo de todos os gastos. Se veñen persoas á mesa redonda, hai gastos de desprazamento. Aos nenos, os premios son uns vales de librería para material escolar ou de debuxo. Permítenos tamén ter persoas de apoio. En definitiva, o que fixemos ao ter o apoio de Ence para os próximos tres anos, é aumentar as actividades no sentido de que, como o plan vai dirixido a asociacións situadas en Pontevedra, Poio e Marín e a Sociedade de Ciencias de Galicia está situada en Pontevedra, entón facemos un segundo concurso, que xa non se relaciona co ano internacional, senón que durante os tres anos é o mesmo, que é un concurso de debuxo de medio ambiente e desenvolvemento agroforestal. E a mesa redonda que se vai a celebrar durante eses tres anos estará orientada tamén a medio ambiente e desenvolvemento agroforestal.
Vostedes teñen en conta fundamentalmente aos escolares, que importancia ten que os nenos e nenas entren en contacto coa ciencia desde outro punto de vista non estritamente o do colexio?
- Realmente, o que nós queremos cada edición, co ano das Nacións Unidas, é concienciar aos escolares da importancia do tema. E aí xogan un papel moi importante os profesores. Hai algúns centros escolares de Primaria que participan na Semana da Ciencia e nótase que o profesor traballou cos alumnos o tema. Por exemplo, se era a agricultura familiar, entón ves como os colexios rurais, por exemplo, fan representacións de leiras de laboreo, cultivos, froitos... Se nun centro escolar están todo o mes de outubro traballando sobre a agricultura familiar, sobre o chan, sobre a auga ou sobre a enerxía e logo na Semana da Ciencia dáselles unha pequena charla, estamos a inculcar un espírito científico en escolares, desde 6 ata 11 anos, que esperamos axude a achegalos un pouco máis á ciencia e á tecnoloxía, que non é algo alleo á sociedade.
A VIII Semana da Ciencia celebrarase do 13 ao 17 de novembro no Liceo Casino de Pontevedra. Nos próximos días, xa se poderá consultar o programa na páxina web da Sociedade de Ciencias de Galicia: www.scg.org.es.