O Grove xa conta as horas para abrir a súa Festa do Marisco. Esta primeira edición pospandemia chega a partir deste xoves 29 de setembro despois de dous anos de parón e xa tan só lle faltan os últimos preparativos.
Será a edición 59 da Festa do Marisco e ofrecerá 14 días de marisco e música que confía en atraer milleiros de visitantes.
O alcalde, Jose Antonio Cacabelos, ten "moi boas expectativas" a nivel turístico, agardando tamén que a meteoroloxía acompañe "para que aqueles que se desprazan en coches en días máis concretos, se inclinen por achegarse á nosa vila".
O acto de inauguración terá lugar ás 19.00 horas deste xoves na Carpa de Degustación instalada na Praza do Corgo.
A partir dese momento, abriranse ao público as caixas de venda de tickets, que estarán abertas ata as 22.30 horas. O marisco poderá consumirse a partir dese momento ata as 23.00 horas.
A carpa de degustación estará este xoves amenizada, a partir das 21.30 horas, polo grupo local Buxa.
O gran atractivo da Festa do Marisco é a súa oferta gastronómica, pero a programación é moito máis ampla e inclúe propostas musicais pensadas para todos os públicos que traen ata O Grove artistas de proxección nacional e internacional.
Jose Antonio Cacabelos destaca que desde que en 2015 se puxo en marcha a programación musicial "moitos dos visitantes que se achegan ao Grove durante a festa do marisco chegan a través da música, ampliando o segmento e a diversidade de canles para dar a coñecer a nosa festa".
O cartel musical é o seguinte:
- Xoves 29 de setembro: Buxa.
- Venres 30 de setembro: Dorian.
- Sábado 1 de outubro: Xoel López e Ale.
- Domingo 2 de outubro: Budiño.
- Martes 4 de outubro: David Chiquillo.
- Mércores 5 de outubro: A Banda do Sequío.
- Xoves 6 de outubro: Fla-Meco.
- Venres 7 de outubro: Cruz Cafuné e Grande Amore.
- Sábado 8 de outubro: Kula Shaker e Maika Makovski.
- Domingo 9 de outubro: Lila Downs.
- Luns 10 de outubro: Os Firrás.
- Martes 11 de outubro: Tanxugueiras e Cinco en Zocas.