Ás portas do 75 aniversario de Panadería Acuña, a empresa creada en 1950 por Rogelio Acuña Acuña, comezan as inauguracións dentro do complexo que albergará o obradoiro de panificación da compañía pontevedresa no Polígono de Barro - Meis.
A primeira apertura será este xoves 1 de agosto, coa posta en marcha da cafetería con venda de panadería para dar servizo ao polígono e a todo o municipio de Barro e arredores. Abrirá de luns domingo en horario de 7:30 a 15:30 horas.
Cun cómodo espazo interior e ampla terraza, a cafetería sitúase na nave de 1.800 metros cadrados que, baixo o nome de 'Obradoiro artesán de panificación Rogelio Acuña Acuña', será o buque-insignia da compañía.
O nome escollido para a que será a gran sede da empresa de panadería non é ao azar. Homenaxea ao fundador e, segundo manifestan os seus xestores, desta maneira "o presente fusiónase coas orixes", palabra esta última que define a filosofía de traballo en toda a produción artesá de Panadería Acuña.
O obradoiro Rogelio Acuña sitúase nun punto estratéxico na entrada ao Polígono de Barro - Meis, na parcela A20, enfronte da nave de Estrella Galicia.
Andrés Acuña, á fronte xunto ao seu curmán Jacobo Acuña do negocio fundado polo seu bisavó, explica que as obras se iniciaron en 2021 e a próxima inauguración será "un feito histórico para a panadería, porque ao final é o investimento máis grande dos 75 anos de historia".
Polo menos ata final de ano continuará a fabricación artesá na sede da avenida de Vigo. A nave de Barro - Meis está rematada pero, segundo afirma Andrés, "agora mesmo estamos a acabar de completar toda a instalación, fornos, maquinaria..., que é moi complexo".
A previsión é que en 2025 toda a actividade panificadora artesá de Acuña estea operativa e centralizada nas novas instalacións.