A construción dunha casa unifamiliar leva unha media de 2 anos en Pontevedra, o dobre que fai un lustro

Pontevedra
07 de novembro 2024
Actualizado: 13:06

En toda a provincia de Pontevedra tramitáronse no nove primeiros meses deste ano a construción de 404 vivendas unifamiliares

Unha persoa traballando na construción
Unha persoa traballando na construción / Mónica Patxot

O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (COATPO) destaca que a construción dunha vivenda unifamiliar en Pontevedra e a súa área de influencia necesita a día de hoxe un prazo medio de dous anos se é negociada cun único contratista. Hai cinco anos podía construírse en doce meses.

O arquitecto técnico Jose Iglesias, membro do Coatpo, explica que se ese mesmo proxecto é desenvolvido por varias pequenas empresas, o tempo necesario para finalizar a vivenda pode chegar até o tres anos e medio, cando en 2019 esta iniciativa habitacional completábase en tan só dous anos.

"Os tempos de construción dunha vivenda unifamiliar dobráronse en só cinco anos debido á combinación de factores como o aumento na demanda da sustentabilidade e a falta de man de obra", apunta o experto.

En toda a provincia de Pontevedra tramitáronse no nove primeiros meses deste ano a construción de 404 vivendas unifamiliares.

No mesmo período de 2023 foron 474 vivendas unifamiliares. A caída foi do 14,77 por cento.

En cambio rexistrouse un incremento no número de vivendas tramitadas en edificios. De xaneiro a setembro de 2024 iniciouse a construción de 35 edificios na provincia, que albergarán 1.234 vivendas; fronte aos 32 que se tramitaron no mesmo período do ano pasado e que terán un total de 734 vivendas.

O avance no número de edificios é do 9,38 por cento; e do 68,12 por cento nas vivendas que albergarán.

O presidente do Coatpo, Manuel Rañó, estima "boas perspectivas" para o sector da construción, impulsado polo anuncio de plans que incentivarán a vivenda e pola baixada do prezo do diñeiro.

A actividade do sector da construción na cidade de Pontevedra e a súa área de influencia mantén un crecemento constante no primeiros tres trimestres de 2024, coa rehabilitación consolidándose como o principal motor de actividade. A obra nova perde protagonismo.

Os expedientes de dirección de obra avanzan un 4,85% e o Orzamento de Execución Material total supera os 153 millóns de xaneiro a setembro.

A rehabilitación equivale ao 72% dos expedientes en Pontevedra e a súa área.