Constituida a Mesa de Turismo de Poio

Poio
07 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Con máis de 20 representantes das actividades turísticas, administracións, grupos políticos e o tecido social e económico do municipio

Reunión da Mesa de Turismo de Poio
Reunión da Mesa de Turismo de Poio /

A Mesa de Turismo de Poio celebrou este mércores no Casal de Ferreirós a súa primeira reunión.

Ademais, nesta primeira sesión extraordinaria participaron representantes de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas, da Mancomunidade do Salnés e do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra e os grupos políticos presentes na Corporación. Asistiron tamén representantes das empresas de aloxamento, vivendas de uso turístico, servizos turísticos complementarios, transporte de viaxeiros por mar, así como empresarios e o sector da hostalería.

Este órgano consultivo reunirase dúas veces ao ano para avanzar na desestacionalización, a sustentabilidade, a internacionalización, a accesibilidade universal, a protección do patrimonio e a mellora continua do destino.

A sesión constitutiva da Mesa estivo presidida polo alcalde Ángel Moldes, que explicou o seu principal obxectivo: "Que as estratexias turísticas a curto, medio e longo prazo sexan froito do consenso" e estean "respaldadas polo sector e coas achegas de todos".

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, fixo un repaso das principais actuacións e iniciativas do Goberno para o sector e agradeceu o enorme interese de todos "por traballar unidos polo turismo, que é o mesmo que dicir traballar unidos por Poio".

Desde o Concello aspírase a que este órgano consultivo sirva como espazo de encontro entre as administracións, o sector e o tecido social e económico e, entre todos, "construír o mellor futuro para o sector".

"Queremos que as conclusións desta mesa sirvan de folla de ruta para o turismo de Poio", subliñou o alcalde.