Un voceiro da plataforma de Marín Pontevedra comunicou este martes a un grupo de afectados que se estaban a manifestar, que o pasado sábado un compañeiro de Pontevedra se suicidara. O home, de 82 anos, tiña 60.000 euros atrapados en subordinadas.
Ao respecto, fontes consultadas confirmaron que o home apareceu sen vida na cociña do seu propio domicilio. Localizouno a súa xa viúda, alertou a Policía Nacional e relatou que tiña problemas de saúde e tomaba medicación porque recentemente se sometera a unha operación de corazón. Nunca tivera problemas de depresión e ultimamente estaba preocupado pola súa situación económica.
A noticia provocou unha gran consternación entre os afectados.
Dende a propia entidade crediticia o conselleiro delegado de NCG Banco, César González Bueno, afirmou que "hoxe é un día especialmente triste".
"Es un día de gran desolación, era un hombre amable, en la oficina le tenían aprecio", engadiu González Bueno nunhas declaracións efectuadas á entrada dun coloquio no Club Financeiro de Vigo.
A noticia da morte deste compañeiro xunto ao anuncio das quitas que recibirán os clientes de Novagalicia Banco encheu o vaso da paciencia dos afectados polas participacións preferentes e subordinadas.
Este martes as Plataformas de Marín, Pontevedra e O Salnés protagonizaron protestas especialmente tensas ante as sucursais das antigas Caixas de aforros.
Os ánimos estan moi caldeados despues de coñecer a perda exacta que terán que asumir cada un. O FROB, o fondo de reestruturación ordenada bancaria, sitúa a perda entre o 58 e o 10% coa primeira quita e entre un 65 e o 22,4% coa segunda.