Non se trata de ningunha coincidencia, afectados polas preferentes e funcionarios de Xustiza volveron sumar as súas protestas nunha mesma convocatoria, consentes de que "a unión fai a forza".
Nunha primeira mobilización ás 11.30 horas no edificio xudicial da Parda e nunha segunda convocatoria ás 12:30 horas ante a Audiencia Provincial ambos os dous colectivos mobilizáronse, compartindo consignas e apupos, aínda que cada un detrás da súa propia pancarta. Entre os empregados públicos e os aforradores congregaron preto de duascentas persoas.
Voceiros dos sindicatos de funcionarios explicaron que o motivo destas novas mobilizacións se resume na "demolición da administración de Xustiza, ao igual que pasa con todo o público".
Nesta caso en particular é contra a Privatización do Rexistro Civil, que supoñerá a "perda de emprego, e fará que os cidadáns teñamos que pagar polas certificacións de defunción, nacemento, fe de vida, pagarase polos matrimonios civís, libros de familia, duplicados, entre outros".
Outra fronte aberta é o Partido Xudicial Provincial "amortización de prazas, peche xulgados de paz e Mixtos das cidades, inclusive Vigo. Con toda a repercusión que tería sobre os cidadáns, traslados, contratación de avogados ou xestorias," sinalaron.
Por suposto tamén os recortes salariais "a maiores da paga extra suprimíronnos parte dun complemento que o ano equivale entre 820-1.100 euros segundo o corpo" e tamén a "amortización de prazas en Galicia". Pois denuncian que "existe un plan de amortización de prazas na administración de Xustiza en Galicia que de momento afecta fundamentalmente ás Audiencias, Xulgados de Paz, do Contencioso e de Instrución ".
E finalmente a protesta diríxese contra as taxas xudiciais "todos os cidadáns teremos que pagar por poder reclamar un dereito lexitimo, os das preferentes é o máis evidente. Moitas veces teremos que valorar si o dereito a reclamar é rendible ou non ", resumiron os representantes sindicais.
Pola súa banda entre os voceiros dos afectados polos produtos tóxicos de NovaGalicia alertaron da "previsible avalancha de demandas xudiciais cando finalice o prazo para a solicitude de troco".
Neste sentido, o anterior presidente da Audiencia de Pontevedra, Manuel Almenar Belenguer, na actualidade vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, declarou este martes na Coruña que a previsión que manexa este órgano xudicial para principios de setembro, é que os tribunais galegos teñan entre 10.000 e 20.000 denuncias por este asunto.