O santuario da Peregrina entrará en obras en 2025 para liquidar os problemas xerados no templo polas humidades.
A Xunta de Galicia incluirá nos seus orzamentos para o próximo ano unha partida de 300.000 euros para esta actuación, segundo avanzou este venres o Conselleiro de Cultura, José López Campos, nunha visita á reforma que se está a acometer na Basílica de Santa María.
"Había problemas coas humidades nas fachadas. Fíxose unha memoria que cuantificaba en torno a 300.000 euros esa actuación, e podemos anunciar que vai haber unha partida nos orzamentos do ano 2025", confirmou o conselleiro resaltando "a importancia a nivel arquitectónico que ten o santuario da Peregrina para Pontevedra, para o Camiño de Santiago e para Galicia".
En canto á basílica, a previsión é poder terminar "no primeiro cuadrimestre de 2025" as obras xa en marcha para a renovación das cubertas da nave central e lateral, ademais de tarefas de conservación na fachada. Uns traballos nos que se están a investir preto de 560.000 euros.
José López aludiu na súa visita a "tres actuacións destacadas en Pontevedra, que son as que quero poñer en valor", e a terceira delas será o proxecto de reforma do convento de Santa Clara para incluílo no Museo de Pontevedra.
Cumprindo o convenio asinado coa Deputación, "a Xunta leva consignados 1,5 millóns de euros para a primeria fase", confirmou en relación aos orzamentos de 2025.
"Para que no 2027, no centenario do Museo de Pontevedra, poder ter rematada esta obra necesitamos que o proxecto colla impulso e ter as obras en execución en 2025", explicou o titular de Cultura.
En total un investimento que se achegará aos 2,5 millóns de euros para a conservación de bens patrimoniais na capital provincial, dentro dun orzamento autonómico no que a Consellería de Cultura "será porcentualmente a segunda que máis medre, por riba do 7%", destacou López Campos.