"A cociña gourmet en conserva" visita a Gastroteca Kamal. O seu cociñeiro, Javi Fernández, aceptou o reto de preparar un prato innovador con Conservas Pescamar e superou a proba con nota.
Para preparar a súa especialidade de lasaña triscante, escolleu dous produtos de alta calidade: a ventresca de bonito do norte gourmet e os berberechos ao natural Pescamar. Calidade e bo facer cos que Gastroteca Kamal atende aos seus clientes no seu local da rúa Don Gonzalo, número 2, xunto da Praza de Curros Enríquez, en Pontevedra.
O cociñeiro Javi Fernández coméntanos que o segredo deste prato, ademais dosingredientes de primeira calidade de Conservas Pescamar, reside na preparación das obleas de pasta wonton ao momento e na coidada fusión dos ingredientes que forman a salsa bechamel. Todos estes trucos, detállanse a continuación.
Para preparar esta deliciosa lasaña triscante de ventresca de bonito do norte gourmet e berberechos ao natural Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
Para a lasaña:
- 1 lata de ventresca de bonito do norte gourmet Pescamar
- 1 lata de berberechos ao natural Pescamar (reservar uns poucos para adornar)
- 4 obleas de pasta wonton
- media cebola
- medio pemento vermello
- 4 champiñóns ao natural
- media cabaciña pequena
- 1 vaso de tomate natural triturado
- medio vaso de tomate frito caseiro
- sal
- azucre
Para a bechamel:
- 60 gramos de manteiga
- 50 gramos de fariña
- sal
- pementa moída
- 1 vaso de leite
- 2 pementos do piquillo en conserva
- medio vaso de tomate frito caseiro
Para decorar:
- alga wakame
- semente de mapoula
- sésamo branco
Elaboración:
Para a preparación da pasta wonton, tomamos as 4 obleas e fritímolas en abundante aceite moi quente. O cociñeiro Javi Fernández aconséllanos que as fritamos con coidado, suxeitando polos extremos para que non perdan a forma, e que as deixemos no mesmo punto de fritura que uns churros. Reservamos.
Cortamos todos os vexetais en tiras finas tipo xuliana. Sofreímos nunha tixola non moi chaira, cunha cullerada e media de aceite ata que estean ben pochados. A continuación, engadimos a ventresca de bonito do norte gourmet Pescamar e os berberechos ao natural Pescamar, ademais do vaso de tomate natural triturado e o medio vaso de tomate frito caseiro. Removemos ben e rectificamos con sal e azucre. O azucre só no caso de que notemos algún tipo de acidez debido ao tomate natural.
Para a bechamel, derretemos a manteiga ao mesmo tempo que infusionamos os dous piquillos, é dicir, empapámolos na manteiga ata que tome un ton avermellado. A continuación, engadimos a fariña, refogamos ben e engadimos o vaso de tomate frito caseiro. Batemos a mestura mentres imos incorporando o vaso de leite, ata lograr a consistencia desexada.
Para empratar, colocamos un fondo coa salsa bechamel. A continuación, poñemos a primeira oblea e imos colocando indistintamente o recheo e as obleas. Ao chegar á penúltima oblea, vertemos máis cantidade de bechamel e tapamos coa oblea final.
O último paso é a decoración, espolvorexendo unhas sementes de mapoula e sésamo branco. Nos laterais, usaremos alga wakame cos berberechos ao natural Pescamar que previamente reservariamos da lata.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva"cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.