A corporación municipal apoia sen fisuras a adquisición do convento de Santa Clara. Así o destacaron os portavoces do Partido Popular e do PSdeG-PSOE que, acompañados dos seus compañeiros, entraron este venres por primeira vez no seu interior.
"É unha boa operación que ten o noso completo apoio", sinalou o líder do PP, Rafa Domínguez, que destacou que os 3,2 millóns investidos polo Concello na súa compra é un "diñeiro que está ben gastado" porque se trata de algo "que é bo para Pontevedra".
Que Santa Clara forme xa parte do patrimonio histórico de todos os pontevedreses "é moi importante", engadiu Domínguez, que entende que todo este ámbito ten "inmensas posibilidades" de cara ao futuro da cidade.
Iso si, o portavoz popular pediu ao goberno municipal "que nos digan que se vai a facer con el". Para o dirixente do PP é un lugar "idóneo" para albergar novas estancias do Museo sempre que supoña "evitar buracos" no centro histórico.
O socialista Tino Fernández, pola súa banda, defendeu que se trata dunha das compras "máis importantes da historia moderna de Pontevedra", polo que asegurou que é algo "do que temos que estar todos contentos e satisfeitos".
"Agora toca gozar desta compra e ir vendo as posibilidades que ten o edificio para que sexa gozado por todos", subliñou Fernández, que confirmou que a área de Desenvolvemento Sostible xa está a estudar como actuar sobre os xardíns.
Aínda que apuntou que "é un pouco prematuro falar desas cousas", o tenente de alcalde avanzou que "se farán cousas para adaptalos para o goce e o paseo dos cidadáns", comezando por adecuar e arrombar toda esta zona verde.
Tras a visita dos membros da corporación, Santa Clara volverá abrir as súas portas os días 18 e 19 de decembro, nunha xornada na que os cidadáns poderán traspasar os muros dun convento que, durante máis de sete séculos, foi un espazo de clausura.
Entre os edís que, ademais de Rafa Domínguez e Tino Fernández participaron nesta visita a Santa Clara atopábanse Raimundo González, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez, Carmen Fouces, Alberto Oubiña e Xaquín Moreda (BNG), Pablo Fernández e Silvia Junco (PP), Marcos Rey (PSdeG-PSOE) ou Goyo Revenga, o concelleiro non adscrito.