Este sábado os compoñentes do actualConsello da Infancia de Pontevedra, no seu sexto encontro, participaron nunha saída polo río Gafos.
Os responsables de Vaipolorío, colectivo que traballa na protección, estudo e divulgación deste espazo verde, guiaron á rapazada e amosaron a riqueza do Gafos, tanto natural como etnográfica, poñendo en valor a necesidade de protexer e manter limpa a nosa natureza.
A experiencia foi aproveitada para recoller o lixo que atoparon no camiño.
Desde Taller Abierto, coordinadoras desta actividade, sinalan que os nenos do Consello da Infancia "coñeceron esta parte da nosa cidade para logo poder formular e deseñar proxectos ou accións para coidar os nosos espazos naturais".
O punto de encontro e recollida foi a estación a estación de bus, desenvolvéndose a actividade entre as 11:30 e as 13 horas.
O Consello da Infancia está conformado polos escolares elixidos por sorteo entre o alumnado de cuarto e quinto de primaria que se amosou interesado.
As sesións deste Consello seguen unha dinámica horizontal, sen un representante infantil ao fronte do Consello, e están centradas nas inquedanzas e visións da rapazada sobre a cidade e outros temas que se poidan propoñer.
Ao final do proceso, elaborarase un informe coas conclusións e achegas que será trasladado á Aalcaldía.
A intención é facer deste Consello un órgano permanente, con vocación de continuidade.
Esta experiencia é unha das primeiras iniciativas deste tipo en Galicia e no Estado coa idea de que a voz das crianzas se teña en conta na planificación da cidade e mesmo poida recoller opinións en relación a outros temas que preocupen aos menores.