O Consello das Crianzas empeza a traballar para mellorar Pontevedra coas ideas de nenas e nenos

Pontevedra
12 de xaneiro 2025

O alcalde presidiu a primeira sesión do 'Consello das Crianzas, Ti contas moito', na que participaron 18 titulares e 14 suplentes de 10 e 11 anos seleccionados por centros educativos da cidade

Consello das Crianzas de Pontevedra
Consello das Crianzas de Pontevedra /

O 'Consello das Crianzas, Ti contas moito' xa está en marcha. Este sábado 11 celebrouse no Salón de Plenos da Casa Consistorial a primeira reunión. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presidiu a sesión, na que participaron as 18 titulares e as 14 suplentes. Son nenas e nenos de 10 e 11, anos seleccionados entre os centros escolares de Pontevedra e parroquias

Ao longo dos próximos meses, participarán nun par de sesións mensuais coa fin de achegar ao Concello as súas demandas e suxestións para mellorar a cidade.

Na primeira sesión, o alcalde explicou aos seus novos asesores infantís o papel que cumprirá este órgano asesor. Indicoulles que as nenas e os nenos que o forman van representar a todas as persoas da súa idade de Pontevedra.

"Queremos unha cidade que conte coas vosas opinións para ser mellor", díxolles Lores, que tamén lles puxo deberes. Pediulles que traballasen durante o resto do curso para entregar en xuño as súas primeiras propostas.

Lores agarda "con impaciencia" saber que é o que queren "para que Pontevedra sexa a cidade na que as nenas e os nenos queirades vivir".

Lores, no Consello das Crianzas de Pontevedra
Lores, no Consello das Crianzas de PontevedraConcello de Pontevedra

Pontevedra, segundo Lores, "é e debe ser unha cidade amiga dos nenos e das nenas", un lugar no que poder xogar con liberdade, sentirse seguras e seguros e estar nas rúas sen precisar da vixilancia das persoas adultas e para iso “precisamos que nos axudedes”.

O edil de Educación, Demetrio Gómez, tamén estivo presente na sesión, na que xa se realizaron os primeiros traballos guiados polas responsables de Taller Abierto.

O proceso retamatará coa elaboración dun informe que recollerá as propostas do consello. Será presentado ao alcalde, que manifestou o seu compromiso de estudalo con todo o interese e levalo a práctica dentro das competencias e das posibilidades municipais.

O Consello das Crianzas é unha proposta do pedagogo italiano Francesco Tonnucci para involucrar as nenas e os nenos na vida das cidades.