Achega de 220.000 euros para o PIE de Cuntis, Barro, Moraña, Portas e Caldas

Umia
08 de outubro 2024

Esta iniciativa busca a inserción laboral dun cento de persoas que se atopan en situación de desemprego

Reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE)
Reunión de traballo do Programa Integrado de Emprego (PIE) / Concello de Cuntis

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, vén de aprobar unha achega de 220.000 euros solicitada polo Concello de Cuntis para continuar desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego (PIE) no que resta de 2024 e o vindeiro exercicio 2025.

Segundo informou o alcalde, Manuel Campos, esta ferramenta ten coma obxectivo ainserción laboral dun cento de persoas que se atopan en situación de desemprego.

Cuntis é un dos concellos da contorna adheridos a este programa, xunto con Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña.

O PIE desenvólvese nas dependencias do Centro Ocupacional, situado no polígono industrial da Ran, e conta en cada unha das súas convocatorias cunha gran participación. "É unha ferramenta moi efectiva para axudar a emprender e mellorar a inserción laboral", destacou o alcalde.

Manuel Campos lembrou que Cuntis tamén conta desde o ano 2009, no polígono industrial da Ran, cun Servizo de Orientación Laboral.

Por último, o alcalde destacou que o municipio pechou o terceiro trimestre de 2024 cos rexistros máis baixos de desemprego dos últimos 20 anos, baixando por primeira vez das 200 persoas (189).