O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que o peche de centros educativos ante unha alerta por un adverso meteorolóxico está "absolutamente protocolizado" e explicou que en función do nivel da alerta, tómanse unhas medidas ou outras.
"Está nos plans de seguridade, é algo absolutamente coñecido", recalcou Román Rodríguez. Neste caso explicou que cando hai unha alerta laranxa, o que se fai é prohibir as actividades no exterior e nesta ocasión "así se fixo, así trasladouse", manifestou.
O conselleiro engadiu que este protocolo tamén autoriza os directores, "si hai algún caso concreto, no seu centro" para que cancelen a actividade lectiva. Neste sentido, citou como exemplo de suspensión das clases por parte dos responsables dos centros educativos o que ocorreu no Instituto de Porto do Son, onde colapsou unha das paredes do pavillón escolar, ou no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela despois de que o vento levantase unha parte do tellado.
"É seguir o procedemento que hai que seguir", insistiu o titular de Educación no goberno galego atendendo ás preguntas dos xornalistas no transcurso dun acto oficial en Pontevedra.
Román Rodríguez lembrou que a Consellería de Educación ten 1.600 edificios repartidos polo conxunto da Comunidade e que o paso da borrasca Kirk deixou en Galicia "tres incidencias de certa entidade" como son as xa citadas en Porto do Son e en Santiago de Compostela ademais dunha terceira no Grove que afectou a unha parte da cuberta do instituto das Bizocas na que estaba a actuar unha empresa para impermeabilizar a zona, polo que a dirección do centro decidiu suspender as clases.
"Afortunadamente non tiveron ningún tipo de consecuencias", celebrou o conselleiro que, á marxe destas tres incidencias, referiu outras "cuestións menores" como pingueiras, cortes de luz, "nas que estamos a traballar para solucionar canto antes".
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares completou as declaracións do conselleiro co informe elaborado pola unidade técnica que contabilizou 17 incidencias nesta provincia que maioritariamente se cinguen a caídas de árbores e cortes de luz.
Pérez Ares indicou que desde primeira hora da mañá levouse a cabo unha "revisión", especialmente nos centros onde había obras en marcha, para "garantir a seguridade" e asegurou que naqueles casos que sexa necesario suspender as clases por este motivo, "pois así se fará".