A conselleira de Economía aborda co alcalde de Poio a situación do parque empresarial de Fragamoreira

Poio
17 de febreiro 2025

A conselleira puxo en valor as novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial postas en marcha polo Goberno galego

A conselleira de Economía e Industria nun encontro de traballo co alcalde de Poio
A conselleira de Economía e Industria nun encontro de traballo co alcalde de Poio /

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana un encontro de traballo co alcalde de Poio, Ángel Moldes.

Nesta reunión, á que tamén asistiu a concelleira Rocío Cochón, abordaron as necesidades de solo empresarial que ten o municipio co obxectivo de reforzar o seu desenvolvemento industrial.

Durante a reunión, Lorenzana trasladoulle que un dos obxectivos da política económica da Xunta é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das que xa están implantadas en Galicia.

Ademais, aproveitaron para analizar a situación do parque empresarial de Fragamoreira, pendente de desenvolver neste concello e que tería unha superficie de 386.513 metros cadrados.

O pasado mes de xullo, a Xunta elixiu á consultora que se encargará de deseñar o proxecto técnico que é Antea Iberolatam, por 191.465 euros. O prazo para a execución deste documento é de 17 meses.

Xa hai un ano, o executivo galego licitou por preto de 250.000 euros a redacción do denominado Plan Estruturante de Ordenación de Chan Empresarial (PEOSE) deste parque, un documento que será o instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación desta área industrial.

Neste marco, a conselleira puxo en valor as novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial postas en marcha polo Goberno galego.

Nomeadamenta, Lorenzana falou das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes), unha figura que permite simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasa dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.