Advirten da "confusión" provocada pola "escasa sinalización" no tramo reformado da avenida de Madrid

Sanxenxo
20 de novembro 2024

O BNG denuncia que, seis meses do remate da obra, nas zonas nas que antes existían prazas de carga e descarga ou servizos agora non hai sinalización que aclare se se pode estacionar

Avenida de Madrid
Avenida de Madrid / BNG de Sanxenxo

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo faise eco da "confusión" que está a xerar entre veciñanza e visitantes a "escaseza de sinalización" no tramo da Avenida de Madrid afectado pola reforma acometida no Paseo de Silgar, ata a subida á Rúa Cesteiros.

Tal e como advirten os nacionalistas, a actuación conlevou a supresión de varias prazas de estacionamento temporal, destinadas a servizos e a carga e descarga, "sen que o goberno municipal achegase ningún tipo de información respecto diso".

Asegurán que este feito, sumado ao "reducido número de sinais verticais", provoca que varios condutores foran xa multados pola Policía Local por deixar os seus vehículos nos espazos nos que antes estaban ditas prazas, en lugares como na entrada ao consistorio ou nas inmediacións da Praza do Pazo.

O BNG defende as actuacións encamiñadas a dar preferencia á seguridade peonil, así como a mobilidade e accesibilidade universal, pero quere "deixar patente o malestar que está a provocar esta ausencia de sinalización por parte do Concello".

O portavoz local do BNG, Fran Leiro dirixe as súas críticas directamente ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín ao que pide que aclare "se esta carencia é froito dá súa incapacidade de xestión ou se exíste pola súa parte un afán recadatorio".

Avenida de Madrid, Sanxenxo
Avenida de Madrid, Sanxenxo

A reforma deste tramo do Paseo de Silgar e da Avenida de Madrid rematou fai seis meses.

Reabriu ao tráfico en xuño "e desapareceron as prazas de servizo e carga e descarga e moita xente aínda non sabe se pode parar nas mesmas zonas para facer algunha xestión rápida", indican.

O BNG tamén destaca que o único sinal que fai referencia explícita a ese tramo como zona de preferencia peonil está na Avenida de Madrid, pasando a praia da Panadeira.