O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e o voceiro do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira protagonizan estes días un enfrontamento político polos parques eólicos proxectados neste concello.
O BNG vén de presentar alegacións ao parque eólico de Borreiro "ante a deixadez de funcións de Jorge Cubela" di Ernesto Filgueira que declarou que "temos enriba nosa unha escandalosa ofensiva eólica que amenaza ao noso concello, e o alcalde fica calado, exercendo de cooperador necesario da estratexia do PP".
O alcalde saíu ao paso da que cualificou coma "manipulación política" para "tentar enredar con este asunto e confundir á veciñanza" sobre o seu posicionamento "que foi sempre claro e diáfano de oposición, xunto aos veciños, á instalación do Parque Eólico Os Cotos".
Cubela lembrou os "desinformadores que actúan de mala fe" que el foi quen convocou un Pleno Extraordinario do Concello no que presentou unha declaración institucional de rexeitamento a esta instalación, e que sumou á oposición a este proceso de presentación de alegacións, "convoquei unha manifestación diante das portas do Concello", engade Cubela "e realicei unha xuntanza con preto de 700 veciños na que quedou máis que claro o noso rexeitamento".
Ademáis das alegacións, o BNG rexistrou unha moción para que a corporación municipal rexeite esta "nova agresión ao noso territorio". Neste sentido, Ernesto Filgueira criticou a "actitude pasiva do alcalde", que "non presentou alegacións nin a este parque nin aos de Pedra Longa e Cabanelas, que afectan á mesma zona de grande valor ambiental".
"Con esta actitude, Cubela ponse de xeonllos diante as directrices do seu partido e renuncia a defender os intereses dos veciños e veciñas e o noso medio natural e patrimonial", afirmou o nacionalista.
ASESORIA
Jorge Cubela informou que o Concello de Cerdedo-Cotobade trasladou aos asesores xurídicos e medioambientais o expediente do Parque Eólico Os Cotos "para que analicen a nova situación na que se atopa" despois de que apareceran publicadas no Diario Oficial de Galicia novidades sobre a súa tramitación administrativa ante a Xunta.
Tysgal é a empresa especializada en cuestións mediambientais que foi contratada polo Concello para redactar as alegacións presentadas pola administración local, comunidades de montes, colectivos sociais e veciños a título individual en contra deste proxecto.
Asimismo, o alcalde estase poñendo en contacto coas comunidades de montes afectadas para pulsar o seu parecer e recuperar as xuntanzas de traballo.
O PSOE PIDE UNHA XUNTA DE PORTAVOCES MUNICIPAIS
Pola súa banda, Ana Couto do PSOE de Cerdedo-Cotobade pedía unha Xunta de Portavoces ao alcalde para discutir os pasos que dará o Concello ante a publicación no DOG da declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico dos Cotos.
Lembra que se instalarán seis aeroxeradores dunha altura cilíndrica de 125 metros e diámetro do rotor de 150 metros sumando ao redor de 200 metros de altura de cada un destes elementos. Tamén denuncia a fragmentación do proxecto ao illar o parque eólico da súa liña de evacuación de alta tensión aero-subterránea, que se tramita noutro expediente. Couto sinala tamén que non se contempla o resto de parques proxectados nesta zona dentro do informe de avaliación ambiental.
Desde as filas socialistas lembran que todos os grupos municipais presentaron alegacións conxuntas ao proxecto e mostráronse en contra deste parque. Por este motivo, Ana Couto reclama a convocatoria do encontro entre os portavoces para que o Concello poña en marcha os servizos xurídicos e técnicos que analicen a Declaración de Impacto Ambiental e preparen as tramitacións para defender o territorio.
A portavoz do PSOE sinala que a declaración está datada o 11 de novembro e, por tanto, considera que o alcalde Jorge Cubela xa tiña que estar ao tanto desta publicación. "Outra vez a falta de transparencia e de información fanse notables", critica Ana Couto.