A confraría de Cambados rexenera o banco marisqueiro do Galiñeiro con 2,8 millóns de ameixas babosa

O Salnés
03 de abril 2025

O obxectivo é xerar novos espazos para o asentamento das especies, mellorar a saúde dos stocks e habilitar áreas para manter especies comerciais como a ameixa babosa

Semente de almeixa babosa en Cambados
Semente de almeixa babosa en Cambados / Xunta de Galicia

A confraría de pescadores de Cambados, en colaboración coa Xunta de Galicia, impulsa a rexeneración do banco marisqueiro do Galiñeiro, onde sementaron 2,8 millóns de unidades de ameixa babosa.

Esta iniciativa, que inclúe o descompactado e a remoción do substrato existente nunha superficie de 130.000 metros cadrados, levouse a cabo cunha axuda de 65.000 euros concedida pola Consellería do Mar.

Os traballos de rexeneración deste banco marisqueiro inclúen ademais un seguimento técnico para avaliar os resultados de todas as accións realizadas.

O obxectivo é xerar novos espazos para o asentamento das especies, mellorar a saúde dos stocks e habilitar áreas para manter especies comerciais como a ameixa babosa.

Tras comprobar a evolución destes traballos, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou que esta liña de actuación ten un impacto positivo que "vai máis aló do sector", ao reforzar a actividade marisqueira repercutindo en termos de riqueza e emprego.

En 2023 xa se realizaron tarefas de recuperación similares neste banco marisqueiro, actuando sobre unha área duns 20.000 metros cadrados, para garantir a sustentabilidade desta zona produtiva da ría de Arousa.

Semente de almeixa babosa en Cambados
Semente de almeixa babosa en CambadosXunta de Galicia