A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra celebrou este venres o acto de presentación do proxecto Ostreares, cuxo obxectivo é recuperar a actividade de aproveitamento marisqueiro dos bancos naturais de ostra autóctona na ensenada de San Simón, na Ría de Vigo.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, presentou este ambicioso proxecto, destacando o investimento de máis de 190.000 euros por parte da Consellería do Mar.
Dentro do proxecto están recollidas unha serie de actuacións para recuperar as poboacións de ostra plana.
Así, instalarán estruturas na ensenada de San Simón para albergar a un maior número de ostras adultas, as cales servirán como base para a reprodución da especie, e realizarán un seguimento exhaustivo dos exemplares, rexistrando parámetros ambientais e levando a cabo un programa de vixilancia epidemiolóxica para garantir a saúde das poboacións.
Traballarán tamén naobtención de novas ostras a través da captación natural, asegurando así a continuidade da especie.
Por último, as persoas mariscadoras a pé da Confraría de Arcade xogarán un papel fundamental no proxecto, xa que asumirán o mantemento e a limpeza das estruturas instaladas.
Desde a CIMA sinalan que entre os resultados alcanzados esperan obter datos sobre o comportamento dos reprodutores e da semente, así como recuperar a captura sostible desta especie e propiciar os beneficios para o ecosistema que brindan estas poboacións.
Marta Villaverde destacou a colaboración entre a CIMA e a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, que está enmarcada na rede creada pola Xunta entre o sector pesqueiro e os centros científicos da comunidade, Redemar, proxecto cofinanciado polo Fempa (Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura).
Nesta liña, lembrou que esta acción dá continuidade á liña de traballo realizada no proxecto PreOSTREARES, que logrou establecer as bases para a restauración dos bancos naturais de ostra plana.
Os resultados obtidos na primeira fase foron "moi satisfactorios", o que motivou a seguir investindo nesta iniciativa, que se estenderá até o ano 2027.