Confirman dous anos de cárcere para un home que abusou dunha nena de nove anos

Pontevedra
19 de novembro 2018

A sentenza rexeita o recurso presentado polos avogados do acusado, que solicitaban a súa libre absolución ao entender que se "debilitara" o seu dereito de defensa e cuestionaban, entre outras cuestións, que a menor declarase a través de videoconferencia

Sede da Audiencia Provincial de Pontevedra
Sede da Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena de dous anos de cárcere imposto o pasado mes de xaneiro a un pontevedrés de 58 anos por abusar sexualmente da sobriña da súa parella, unha nena que tiña tan só nove anos.

A sentenza rexeita o recurso presentado polos avogados do acusado, que solicitaban a súa libre absolución ao entender que se "debilitara" o seu dereito de defensa e cuestionaban, entre outras cuestións, que a menor declarase a través de videoconferencia.

A sala do Civil e Penal do TSXG, cun voto particular en contra, negou os argumentos da defensa, ao lembrar que a sentenza da Audiencia de Pontevedra apoiouse na proba testifical practicada ante o tribunal e lembra que o avogado "puido interrogar a cantos referiron as declaracións da menor".

Ademais, os xuíces negan que o fallo se apoie exclusivamente nuns informes médicos, como sostén o recorrente.

Respecto da declaración da menor, os maxistrados do TSXG lembran que é "lexítimo" que se use calquera medio que evite a confrontación visual entre o acusado e a vítima e que a lexislación prevé "expresamente" a utilización da videoconferencia.

O voto particular, con todo, traslada que a sentenza recorrida "limítase a crer cos ollos pechados unha versión de parte" e nega toda credibilidade á outra "por motivos que nada teñen que ver con criterios obxectivos".

Entende este maxistrado que non existen "indicios" que corroboren o testemuño da vítima, o que indica "non que a denuncia sexa falsa" senón que resulta "improbada" e con esa falta de proba "non é posible condena algunha".

O TSXG confirma, por tanto, a sentenza da Audiencia de Pontevedra que consideraba probado que este pontevedrés abusou sexualmente da nena no domicilio que compartía no momento dos feitos coa súa noiva.

Coa escusa de convidar a comer á nena, trasladouna desde a casa da avoa paterna na que estaban ambos ata o seu domicilio. Unha vez sós nunha habitación, e con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais, el sentou encima da cama e empezou a xogar coa menor ao 'caballito'. O xogo parecía nun primeiro momento inocente, pero máis tarde adquiriu contido sexual. Ademais, espiuse e masturbouse en presenza da nena.

Tras estes feitos, segundo a sentenza, o condenado dixo á súa sobriña que non contase nada do que pasara porque era un segredo e propúxolle que visen xuntos unha revista pornográfica na que lle mostraba a xente que mantiña relacións sexuais.

Ademais da pena de cárcere, o fallo decreta que o acusado non poderá achegarse a menos de 100 metros durante tres anos e que a indemnice con 7.000 euros polos danos morais causados.