O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de confirmar a orde de derriba ditada previamente pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) sobre unha vivenda de Marcón sobre a que se realizaron obras de ampliación que non se axustaban á licenza concedida polo Concello de Pontevedra. Contra este fallo xudicial xa non cabe recurso e supoñerá botar abaixo tan só a parte da vivenda que non se axusta á legalidade.
A Xunta de Goberno local de Pontevedra tomou coñecemento da sentenza este luns unha vez que se ditou a última sentenza e porque o Concello tamén era parte afectada en tanto a propietaria da casa pedía unha impugnación indirecta do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) de Pontevedra porque discutía a clasificación do chan da parcela e reclamaba que se considerase o terreo como incluído na zona clasificada como chan rural. O fallo xudicial declara que a actuación municipal neste tema foi "conforme a dereito".
A parcela en cuestión figura no PXOU como chan non urbanizable común, isto é, sometido ao actual réxime de chan rústico de protección ordinaria, de modo que non podía realizar as obras que si que fixo. A admistración local entende que esta reclamación da propietaria está fóra da competencia da APLU e aféctalle directamente, de modo que acudiu ao procedemento xudicial.
A vivenda en cuestión construíuse con licenza de obras, outorgada o 10 de decembro de 1999 para unha vivenda unifamiliar illada e obtivo licenza de primeira ocupación do 23 de xuño de 2008. Con todo, tras esa autorización, foi denunciada por realizar unhas obras que cambiaban as condicións do inmoble e abriuse expediente na APLU. Ademais, o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa de Pontevedra ordenaba que se axustase a construción á licenza concedida e advertíase á súa propietaria dunha posible demolición do indebidamente construído.
A Dirección Xeral da APLU ditou dúas resolucións en febreiro e agosto de 2013 que ordenaban e confirmaban a demolición das obras de edificación "ao non ser legalizables", pero a propietaria interpuxo un recurso ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra contra senllas resolucións. O Xulgado confirmounas e, máis tarde, tamén a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG no auto que acaba de chegar ao Concello.
O recurso desestimouse xa nunha sentenza de febreiro de 2016 que confirmaba a anterior ditada en primeira instancia e, por tanto, as resolucións impugnadas da APLU e as determinacións controvertidas do PXOU de Pontevedra, pero a propietaria promoveu un incidente de nulidade de actuacións por vulneración do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva do artigo 24 da Constitución Española,
O TSXG tramitou este incidente e ditou un novo auto que rexeita todos os motivos de nulidade "non existindo vulneración algunha do dereito fundamental alegado". A veciña alegaba, por unha banda, que as obras terminaron polo menos seis anos antes de incoarse o expediente, de modo que a infracción estaría prescrita ou, máis concretamente, que caducara a acción de reposición da legalidade urganística; e doutra banda, que as obras eran legalizables co uso actual da construccción como vivenda colectiva. E, en calquera caso, consideraba que o inmoble sería susceptible de legalización para a actividade turística.
Con todo, a sentenza rexeita estes argumentos porque a infracción urbanística non había prescrito, pois se trata de obras novas sen licenza que se executaron con posterioridade á obtención de licenza de primeira ocupación en xuño de 2008, como se recolle dos informes periciais. Engade que o expediente se incóo dentro do prazo de seis anos e as obras executadas contravienen a legalidade urbanísica e a licenza de primeira ocupación e non son legalizables. Sobre o cambio de uso, apela a que as obras han de respectar o uso autorizado orixinariamente, non permitíndose o cambio de uso, o que impide o seu destino fóra dos fins residenciais inicialmente autorizados.