O xerente da Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo esta luns no hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha xuntanza técnica co rexedor do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
No transcurso deste encontro, que da continuidade á anterior xuntanza mantida entre este Consistorio e a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, celebrado no pasado mes de outubro de 2023, o doutor José Flores -quen estivo acompañado pola directora asistencial Yolanda Sanduende e a directora de Atención Primaria, Itziar Melendo- confirmou ao alcalde Jorge Cubela a reincorporación da Pediatra á súa praza desde o pasado 19 de setembro, acompañada dunha profesional de Enfermaría.
Durante esta xuntanza técnica notificouse a vindeira incorporación durante o mes de outubro dun novo profesional de Enfermaría ao centro de saúde de Carballedo.
Este reforzo permitirá que a Atención Primaria no Concello dispoña de dous equipos completos de médico e enfermeiro.
Esa dotación compleméntase cos equipos de soporte de atención domiciliaria - ESAD- que continúan a súa actividade asistencial nesta poboación.
O alcalde e o xerente consensuaron para a presente semana unha visita técnica ao centro de saúde de Carballedo, cara a avanzar nas xestións para acondicionar dependencias e atender necesidades de espazos deste centro de Atención Primaria.
José Flores Arias reiterou o compromiso do Servizo Galego de Saúde para continuar coas xestións administrativas dende a Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para acadar novas melloras de Atención Primaria nos centros de saúde do Concello de de Cerdedo-Cotobade.
O Sergas non ten previsto dotar, polo momento, de pediatra ao centro de saúde de Cerdedo, malia as peticións dos usuarios deste espazo sanitario.