"Confianza cero", advirte Rueda, porque "pódese perder todo"

Pontevedra
07 de xaneiro 2024

As enquisas outorgan posibilidades ao PPdeG de manter a maioría absoluta, aínda que a esquerda recortaría diferenzas

Acto do PP no que Alfonso Rueda foi proclamado candidato ás próximas eleccións autonómicas
Acto do PP no que Alfonso Rueda foi proclamado candidato ás próximas eleccións autonómicas / EFE/ Xoán Rey

Este domingo tivo lugar en Santiago de Compostela a proclamación oficial de Alfonso Rueda como candidato do Partido Popular ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro.

Este acto de 'puesta de largo' do pontevedrés coincide nunha xornada na que varias enquisas outorgan posibilidades ao PPdeG de manter a maioría absoluta logrando polo menos 38 escanos, aínda que a esquerda recortaría diferenzas, por iso Rueda chamou aos seus a "non caer no conformismo e a non dar nada por gañado".

O candidato popular e actual presidente da Xunta enfróntase por primeira vez a uns comicios autonómicos como cabeza de cartel.

Rueda pediu "confianza cero". "Non hai nada gañado e pódese perder todo", polo que destacou de forma reiterada o erro que supoñería "caer no conformismo".

Reivindicou ao PPdeG como o primeiro partido de Galicia e o que máis se parece aos galegos, e recoñeceu aspirar a estar á altura dos que o precederon como presidentes da Xunta. Destacando acto seguido "o autonomismo pioneiro" de Xerardo Fernández Albor, o "orgullo de ser" que Manuel Fraga "devolveu" aos galegos e a "capacidade de xestión" de Alberto Núñez Feijóo.

Alfonso Rueda expresou a súa aposta por unha campaña "afastada da descualificación, da tensión, da crispación, de levantar muros e de falar mal de Galicia". Promete, pola contra, facer unha campaña "centrada en Galicia e que fala de Galicia".

O candidato do PP incidiu en que na política "non todo vale" e que "non todo xustifica unha vitoria". E en clave nacional explicou que o PPdeG terá en fronte nestas eleccións "un señor na Moncloa que só vén a Galicia en Falcon a facer promesas que nunca cumpre", así como "a todos aqueles que dicían que nunca aprobarían unha lei de amnistía nin condonarían a débeda a Cataluña a costa de 400 euros de cada galego".

E, nesta liña, concluíu categórico: "Quero unha Galicia que non sexa unha sucursal de 'serie B' do independentismo, nin un trofeo para Pedro Sánchez, nin unha multipropiedade a repartir entre partidos. Galicia é dos galegos de hoxe e quero que sexa tamén dos galegos libres do mañá".

Arquivado en