O Concello de Pontevedra porá en marcha a Cátedra de espazo público tras recibir a proposta a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña para realizalo.
Entre as actividades propostas atópase a creación dun curso internacional de verán, conferencias e seminarios, a convocatoria dun premio para estudantes ou propoñer a Pontevedra como caso piloto para a elaboración dun modelo de enerxía de edificios.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que "en Pontevedra e no Concello queremos contar cos mellores profesionais para que a cidade siga avanzando, especialmente neste momento pola proxección de futuro que queremos darlle á cidade".
Para iso, o centro universitario fixo unha chamada á comunidade docente e investigadora para seleccionar os encargados de desenvolver a cátedra. Deste xeito, o equipo escollido está formado por dous profesores investigadores da Escola, os dous naturais de Pontevedra. Os coordinadores dos proxectos son Jorge Rodríguez Álvarez e Cristina García Fontán, da área Urbanística e ordenación do territorio, pertencente ao departamento de Proxectos arquitectónicos, urbanismo e composición da Escola de Arquitectura da Coruña.
A programación estará centrada na cidade para as persoas, a valoración do patrimonio e a adaptación fronte ao cambio climático e, en virtude deles propoñen distintas accións.
As actividades docentes previstas para os 3 anos de duración da cátedra serán a realización dun Curso Internacional de Verán, na sede da CDU en Pontevedra, no mes de xullo cunha duración de dúas semanas e dirixido a estudantes de grado ou posgrao en arquitectura, urbanismo ou paisaxe.
Contemplan dúas accións para a realización de conferencias e seminarios, celebrando unha conferencia anual, de carácter inspirador impartida por unha persoa ou equipo seleccionada en base ao interese da súa actividade recente no ámbito das liñas da CDU, e unha serie de charlas impartidas por equipos do contexto máis local, que permitan dar visibilidade e compartir experiencias.
Por outro lado, a promoción de proxectos de Aprendizaxe e Servizo que fomenten a colaboración entre materias da UDC e asociacións e colectivos sociais de Pontevedra. Neste caso, a CDU ofrecerá asesoramento para o deseño do proxecto, facilitará a conexión entre docentes e asociacións e poderá financiar parte dos gastos de desprazamento que requira a actividade.
Haberá premios e concursos de carácter sen carácter profesional nin vinculante; a promoción de prácticas externas curriculares do grao en Paisaxe e non curriculares do grao e mestrado en arquitectura; financiamento e coordinación de bolsas para estudantes para a colaboración nas actividades propias da CDU; a CDU terá entre as súas funcións o apoio a traballos e actividades de investigación que formen parte de traballos fin de grao que afonden nos obxectivos da cátedra; e a elaboración/coordinación de material docente nas áreas de interese da CDU.
No eido da investigación propoñen fomentar a colaboración cos diferentes grupos de investigación da Universidade da Coruña; prestar apoio aos proxectos de investigación en curso nos que participe o concello, sempre de acordo cos IP dos mesmos e dentro das posibilidades da Cátedra; a selección da cidade de Pontevedra como caso piloto para a elaboración dun Modelo de Enerxía de Edificios a escala Urbana dentro do proxecto de investigación Litheum, do programa de Transición Ecolóxica e Dixital do Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado por Jorge Rodríguez Álvarez; e a selección dun ámbito rural (por exemplo nas parroquias da Canicouva, Verducido ou Xeve) como caso de estudio no proxecto de investigación Esmaart, do programa de xeración de coñecemento, coordinado por Jorge Rodríguez Álvarez.
Finalmente, a CDU terá entre as súas funcións o apoio a traballos e actividades de investigación que formen parte de teses de doutoramento que afonden nos obxectivos da cátedra, e poderá levar a cabo actividades de investigación concretas e acoutadas, de acordo cos valores sinalados anteriormente e co obxectivo de promocionar o seu desenvolvemento posterior a través de convocatorias autonómicas, estatais, europeas ou mesmo contratos de transferencia.