A Concellería de Turismo de Poio continúa estes días a campaña 'Un Verán Único', centrada en difundir cada semana un atractivo turístico exclusivo do municipio entre visitantes e veciños nos meses de xullo e agosto.
Tal e como sinalou a concelleira responsable da área, Rocío Cochón "durante este período de vacacións queremos recordar que somos un destino de calidade, máis aló de ‘sol e praia’, cun patrimonio natural e cultural extraordinario e onde se poden vivir experiencias únicas".
Unha desas experiencias "realmente únicas" é coñecer a maior plantación de sequoias vermellas de Europa, o Bosque de Colón, situado na faldra do Castrove.
As 500 árbores que forman o Bosque foron un agasallo oficial do Goberno dos Estados Unidos ao pobo español a iniciativa do presidente estadounidense George H. W. Bush. en conmemoración do V Centenario da primeira viaxe do ilustre veciño de Poio Cristóbal Colón.
Ademais, os exemplares foron plantados conxuntamente por mozos de Poio e dos Estados Unidos en decembro de 1992, baixo a dirección do profesor John Harmon McElroy, nun proxecto no que colaboraron a Cámara de Representantes e o Senado dos EEUU, o Estado de California, o Goberno de España, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Poio dirixido entón por Armando Couselo, "Manduco", ademais de expertos, administracións e institucións públicas e privadas a ambos os lados do Atlántico, o que o converte nun exemplo de colaboración internacional.