A Policía Local de Pontevedra detiña a un home na rúa Gorgullón como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Os feitos remóntanse ao 29 de decembro, cando un axente da Policía Local observaba a presenza dun vehículo que circulaba por esta vía, infrinxindo o sinal vertical que prohibe a circulación por esa zona.
No momento de darlle o alto, os axentes observaron como o condutor facía movementos estraños coas mans, nervioso, tentando agochar algo dentro do vehículo. Unha vez que a patrulla identifica o vehículo comproba que carece de seguro e a ITV atópase caducada.
O condutor, un mozo de 22 anos de idade, é sometido á proba de consumo de drogas e ofrece resultado positivo.
#Ante a sospeita de que o condutor escondera algo no interior do vehículo, un dos axentes localiza unha báscula de precisión con, supostamente, restos de haxix e de marihuana, xunto a unha porción de droga (0,86 gramos) e dúas "planchas" de 99,83 gramos e outra de 99,86 gramos.
Ante a presenza desta cantidade, os axentes proceden á detención do home como presunto autor dun delito contra a saúde pública. Ao mesmo tempo, a patrulla tramitou contra o mozo catro denuncias administrativas por infraccións de tráfico: circulación por unha rúa con restrición de tráfico; circulación cun vehículo sen o seguro obrigatorio; coa ITV caducada e baixo os efectos do consumo de drogas.
INVESTIGACIÓN NA RÚA VIRXINIA PEREIRA
Por outra banda, axentes da Policía Local de Pontevedra tamén realizaban outra intervención o 3 de xaneiro de vixilancia de espazos para controlar tráfico de drogas a pequena escala.
Durante varias xornadas, residentes e comerciantes da rúa Virxinia Pereira alertaba do frecuente movemento de xente nova nun portal desa vía pontevedresa. Estas persoas accedían ao portal e saían nun breve prazo de tempo. Segundo os denunciantes a situación correspondíase cun "trapicheo" de drogas que desenvolvía un mozo residente no edificio.
A partir dese momento, os axentes estableceron o dispositivo de vixilancia, activo durante varios días, constatando o movemento desa poboación xuvenil e o modus operandi denunciado pola veciñanza e comerciantes.
Unha vez identificados varios presuntos compradores aos que se lles incautaron pequenas cantidades de haxix, os axentes identificaron o autor, un home de 29 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a saúde público por tráfico de drogas.