Ata 150.000 euros terá que pagar o Servizo Galego de Saúde ao viúvo e ao fillo dunha muller de 33 anos que faleceu dun shock anafiláctico relacionado coa inxesta de antibióticos aos que era alérxica e que lle foron administrados no PAC de Caldas de Reis.
Así o determina o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que revogou a sentenza que do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela que absolvía o Sergas do pago de indemnización algunha ao entender que non se produciu neglixencia.
A muller foi atendida no PAC de Caldas o 5 de outubro de 2015. Acudiu cunha dor de garganta e, a pesar de ter unha alerxia "constatada" a certos antibióticos e presentar un cadro leve, prescribíuselle azitromicina e ibuprofeno.
Horas despois, xa na súa casa, comezou a ter dificultade para falar e para respirar. Caeu inconsciente e quedou nun coma profundo ata que faleceu tres días despois polo shock anafiláctico relacionado coa inxesta de ambos os antibióticos.
A súa administración era "innecesaria" ante a sintomatoloxía da paciente e "potencialmente perigosa" dados os seus antecedentes alérxicos, relataron os demandantes. Existían, ademais, "outras alternativas" para tratala con medicamentos que terían "nulo ou escaso" risco.
Pautado o antibiótico, segundo defendía o avogado Alfonso Iglesias en primeira instancia, faltou control sanitario, xa que "deixala sentada nunha cadeira na propio PAC unhas horas podía salvarlle a vida".
O Sergas, con todo, alegou que a atención dispensada á muller "foi correcta" e asegurou que non existía unha relación de causalidade entre a asistencia sanitaria e o seu falecemento, ao non estar "acreditada" a reacción anafiláctica tras tomar o antibiótico.
Para Sanidade a alerxia da paciente á azitromicina era "descoñecida" xa que non figuraba na súa historia clínica, como si aparecían outros antibióticos que non se utilizaron con ela.
Os maxistrados do TSXG conclúen, con todo, que a morte da paciente si se produciu por un shock anafiláctico, como acreditaron os forenses que lle realizaron a autopsia e como xa recollía "claramente" o informe médico elaborado tras o seu ingreso na UCI.
"O shock anafiláctico causante do falecemento da paciente debeuse con moi alta probabilidade a unha reacción inducida pola medicación antibiótica recibida horas antes", sinala o ditame pericial que recupera o alto tribunal galego na súa sentenza.
A sala considera que "si se produciu un erro" na actuación do PAC de Caldas de Reis, que consistiu en que a atención prestada "non foron atendidas" as particulares circunstancias da paciente.
Detalla que se trataba dunha persoa que mostrara "signos de sensibilidade reactiva" respecto a un antibiótico -amoxicilina-, era alérxica á penicilina e aos betalactamicos, e na súa historia clínica constaba prohibida a dispensación destes medicamentos.
"A actitude medica máis razoable sería evitar os antibióticos se iso era posible e o era porque existían outras alternativas para solucionalo", conclúen os maxistrados.