A Policía Local de Pontevedra denunciou un taxista con licenza de actividade noutro municipio por realizar servizos íntegros en Pontevedra. E non só iso, acabou tamén denunciado por estafa tras esixir un pago desproporcionado por unha das viaxes que realizou irregularmente na cidade.
Os axentes actuaron tras o aviso da asociación provincial de taxistas. Tras realizar os controis pertinentes sobre este profesional, acabaron denunciándoo en dúas ocasións.
A primeira vez foi sorprendido, pasadas as dúas e media da madrugada, realizando un servizo integramente no termo municipal de Pontevedra carecendo de licenza de actividade.
Isto é algo que está expresamente prohibido pola lei, recorda a Policía Local, que obriga a que, ou ben o inicio ou ben o remate da carreira, debe ter orixe ou destino no termo municipal que expediu a licenza que ampara a actividade.
Neste caso recolleu ao cliente na rúa María Victoria Moreno e pretendía deixalo na discoteca La Luna, na parroquia de Cerponzóns, cando foi sorprendido polos axentes.
Días despois foi denunciado de novo, ás tres da madrugada, cando recolleu dúas pasaxeiras na avenida de Bos Aires para deixalas en Juan Bautista Andrade e Monte Porreiro, respectivamente.
Con respecto a esta viaxe, unha das clientas presentou unha denuncia contra el por un presunto delito de estafa. Aseguraba que a recollera a ela e a unha amiga nos arredores da praza de abastos e deixara a unha na rúa Juan Bautista Andrade e a outra en Monte Porreiro.
Cobroulle pola carreira 45 euros, alegando que procedía doutro concello porque en Pontevedra non había taxis dispoñibles.
Logo de ter lugar o preceptivo xuízo oral, un xulgado de Pontevedra condenou o taxista en primeira instancia por un delito leve de estafa a pena de multa e a indemnizar á vítima coas cantidades indebidamente cobradas e polos prexuízos causados.
Pola súa banda, as denuncias administrativas foron remitidas ao servizo competente do Concello de Pontevedra para a instrución dos correspondentes expedientes sancionadores, que pode derivar en senllas multas que oscilan entre os 2.001 e 6.000 euros.