Condenan a NCG Banco a devolver a un pontevedrés o diñeiro cobrado pola cláusula solo

Pontevedra
28 de novembro 2013

A Maxistrada-Xuíz do Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra, Rosa Lama Marra, acaba de emitir unha sentenza que obriga a NCG Banco a devolver a un veciño de Pontevedra o diñeiro cobrado de xeito "abusivo" mediante unha "cláusula solo"

A Maxistrada-Xuíz do Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra, Rosa Lama Marra, acaba de emitir unha sentenza que obriga a NCG Banco a devolver a un veciño de Pontevedra o diñeiro cobrado de xeito "abusivo" mediante unha "cláusula solo".

O denunciante é Francisco Javier P.G., que foi defendido polo letrado Eduardo Belín Vilela.

A demanda formulouse o pasado 31 de xullo, solicitando a nulidade da cláusula limitativa de variabilidade do tipo de xuro, denominada cláusula solo, concertada polas partes na escritura de préstamo hipotecario de data 2 de abril de 2007.

Atendendo á reclamación deste cidadán, a sentenza condena á entidade demandada "a un novo cálculo de todas as cotas do crédito hipotecario dende a firma da referida escritura e aplicación da citada cláusula", e en consecuencia, ao aboamento da demandante da diferenza entre o efectivamente ingresado por el en concepto de cota hipotecaria e a cantidade que resulte do cálculo que se efectúe, incluíndo as aboadas durante a tramitación do procedemento, máis os intereses correspondentes percibidos dende a data de cada cobramento.

No xuízo, que se celebrou o 22 de outubro, Novagalicia Banco alegou como excepción procesual "cousa xulgada" a raíz da sentenza do Tribunal Supremo pola que se declarou a nulidade das cláusulas solo, e subsidiariamente, alegou "carencia sobrevida do obxecto".

A xuíza desestimou esas pretensións do banco e condena a entidade a reintegrar a Francisco Javier P.G. das cantidades "indebidamente satisfeitas polo demandante e os seus respectivos intereses", así como ao aboamento dos intereses legais dende a data da sentenza, incrementados en dous puntos. As costas procesuais tamén se impoñen á parte demandada.

Este fallo argumenta en contra da interpretación que realiza o Supremo que, tendo anulado as cláusulas de solo, non ampara a retroactividade da medida "polo risco que para o sistema económico español puidese supoñer esa declaración da obriga de restituír as prestacións", en concreto, alude o Alto Tribunal a que poida xerar "risco de trastornos graves con transcendencia ao orde público económico".

Contra a resolución do xulgado pontevedrés cabe interpoñer recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial que, se é o caso, deberá interpoñerse ante este mesmo xulgado dentro dos vinte días seguintes ao da súa notificación.