O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra estimou parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal, á que se adheriron as asociacións Adicae e En Colectivo, así como particulares, contra Autopistas del Atlántico Concesionaria Española (Audasa).
Así, acordou condenar á concesionaria a cesar na práctica abusiva consistente en cobrar as peaxes de maneira íntegra aos usuarios da autoestrada nos casos en que se produzan incidencias que se poidan cualificar, por parte da DXT, coa cor negra (circulación interrompida con estrada cortada), vermella (circulación difícil, moi lenta con paradas frecuentes e prolongadas) ou amarela (circulación irregular, lenta con paradas esporádicas).
Matiza que iso debe ser así sempre que aos usuarios non se lles facilitase información sobre o estado da vía (que comprenda o punto quilométrico en que se sitúa a incidencia, a demora estimada derivada dela ou, mesmo, unha breve referencia á súa causa) coa antelación suficiente como para que puidesen optar, en condicións de seguridade, por non incorporarse á autoestrada ou por abandonala antes de chegar ao tramo afectado.
O maxistrado declarou a nulidade desas prácticas abusivas consistentes en cobrar peaxes íntegras cando se produciron, entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018, un total de 81 incidencias no tramo da ponte de Rande e condenou a Audasa a restituír o importe cobrado en concepto de peaxe.
A empresa, ademais, deberá asumir o custo da publicación da parte dispositiva da sentenza, xunto coa lista das 81 incidencias, no diario de maior difusión de España (Marca).
Os usuarios que fosen afectados por algunha das 81 incidencias referidas na sentenza, poderán solicitar ser recoñecidos como beneficiarios da condena. Para iso deberán acreditar a súa condición de consumidores, que circularon por tramos da AP-9 afectados durante as datas e franxas horarias sinaladas e as cantidades concretas aboadas por peaxes.
O xuíz considera "indiferente" que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias, tales como accidentes, vehículos avariados, incendios ou desprendementos de terras. "O relevante non é a causa, senón o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo e ao que non se lle proporcionou a información necesaria para que puidese tomar a súa decisión", subliña.
O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra recalca que "non consta de ningún xeito que houbese algunha causa de forza maior que impedise a Audasa informar os condutores coa suficiencia e antelación oportunas".
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra decretou que "non resulta procedente" a demanda do Ministerio Fiscal de establecer os criterios que debe seguir Audasa para garantir o cesamento das prácticas abusivas nin a esixencia de que a entidade presente ao xulgado un criterio de eliminación do prezo da peaxe en determinados casos. "Non lle corresponde a este xulgado regular as condicións da prestación do servizo de autoestrada por parte dunha entidade concesionaria dunha obra pública", recalca o xuíz.
O maxistrado tamén descartou considerar como un dano ou prexuízo que mereza unha compensación superior á restitución do prezo aboado en concepto de peaxe "o feito de tardar 10 minutos máis do habitual en cubrir os tramos afectados polas 81 incidencias mencionadas". Non resultou acreditado, segundo a sentenza, que as incidencias causasen demoras superiores a 17 minutos.