Condenan a 20 anos de prisión a Cortiñas polo asasinato machista de 'Lupe' Jiménez

Pontevedra
02 de marzo 2016

A Audiencia Provincial condénao á prohibición de aproximarse e comunicarse por calquera medio cos seus fillos durante 21 anos. Ademais, deberá indemnizar con 60.000 euros aos seus fillos que no momento do seu falecemento eran menores de idade e con 30.000 aos maiores de 18 e outros 6.000 euros a cada unha das irmás da falecida

José Luis Cortiñas á súa chegada á Audiencia na terceira sesión do xuízo
José Luis Cortiñas á súa chegada á Audiencia na terceira sesión do xuízo / Mónica Patxot

José Luis Cortiñas Romero cumprirá 20 anos de prisión polo asasinato machista da súa muller, María Luisa Jiménez Jiménez, coñecida como 'Lupe', e que no momento do crime estaba embarazada de cinco semanas do que sería o seu sétimo fillo. É a condena que lle impuxo a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra en base ao veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular que o xulgou, e que acordou por unanimidade dos seus membros considerarlle culpable. O ditamen deuse a coñecer este mércores, menos de dúas semanas despois do término do xuízo.

A sentenza condénao por un delito de asasinato alevoso en concurso ideal cun delito de aborto no que concorre a circunstancia agravante de parentesco e a atenuante de confesión. Ademais de impoñerlle 20 anos de prisión, condénao á prohibición de aproximarse e comunicarse por calquera medio cos seus fillos durante 21 anos. Tamén deberá indemnizar con 60.000 euros aos seus fillos que no momento do seu falecemento eran menores de idade e con 30.000 aos maiores de 18 e outros 6.000 euros a cada unha das irmás de 'Lupe'.

En base ao veredicto do xurado, e ao contido das tres xornadas de xuizo celebradas na Audiencia, a sentenza considera como feitos probados que o 24 de febreiro de 2014, nunha hora próxima ás 18.00 horas, Cortiñas viaxaba no vehículo Citroën ZX en compañía da súa muller e, en lugar non determinado, co propósito de acabar coa súa vida, golpeoulle repetidamente na cabeza e cara, ocasionándolle unha ferida incisa-contusa na ponte do nariz, unha fractura desprazada de ósos propios, un hematoma periorbitario dereito e varias contusións na rexión frontal do coiro cabeludo. 

A continuación, servíndose dun instrumento cortante, asestoulle tres puñaladas no pescozo, unha na boneca e doce na rexión anterior do tórax, producíndose a morte inmediata. O ataque foi "sorpresivo e inesperado" para 'Lupe' "ata o punto que non puido nin tivo oportunidade de defenderse".

O xurado considerou que Cortiñas sabía que a súa muller estaba embarazada de cinco semanas, pero "non tiña intención de provocar a inviabilidade do feto". Actuou, de todos os xeitos, "sabendo que esta se podía producir e sen impostarle que se producise", como de feitos produciuse.

O xurado manifestouse por unanimidade en contra da concesión ao acusado do indulto a Cortiñas, tanto total como parcial e a maxistrada-presidente do tribunal que ditou a sentenza, Nélida Cid, coincide plenamente con esa declaración e sinala que non existe "circunstancia algunha que aconselle a aplicación dese beneficio de graza" a uns feitos dos que indica que están caracterizados pola súa "gravidade", revelando no acusado "perigosidade" e "carencia dos mais elementais valores e escrúpulos".