Condenado a 16 meses de cárcere por quebrantar unha orde de afastamento e agredir sexualmente a súa ex parella

Pontevedra
16 de outubro 2024

A sentenza considera probado que cando cometeu os feitos o acusado se atopaba baixo os efectos de bebidas alcohólicas

Xulgan un mozo por quebrantar unha orde de afastamento e tentar agredir sexualmente a súa ex parella
Xulgan un mozo por quebrantar unha orde de afastamento e tentar agredir sexualmente a súa ex parella / PontevedraViva

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano e catro meses de cárcere un home como autor dun delito de agresión sexual e de quebrantamento de medida cautelar.

A sentenza considera que en ambos os dous casos concorre a eximente incompleta de embriaguez.

Ademais, o tribunal impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima, así como de comunicarse con ela, durante dous anos.

No momento da comisión dos feitos este mozo era coñecedor da existencia e vixencia da orde de afastamento da súa excompañeira sentimental coa cal ten dous fillos menores en común. Aínda así acudiu ao seu domicilio e, unha vez no interior, realizoulle tocamentos á vítima por riba da roupa, en distintas partes do corpo, a pesar da falta de consentimento da muller.

Os maxistrados consideran probado que cando cometeu os feitos o acusado atopábase baixo os efectos de bebidas alcohólicas, polo que afirman que tiña gravemente afectadas as súas capacidades intelectivas e volitivas, aínda que non anuladas.

A Sala estima suficiente o testemuño da vítima, "ao reunir os presupostos de ausencia de incredibilidade subxectiva, corroboración periférica e persistencia na incriminación".

Na sentenza indica que no relato da denunciante puideron apreciar a súa "espontaneidade, estructuración e desenvolvemento natural".