A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a 14 anos de prisión un home que agrediu sexualmente á neta da súa parella.
O tribunal provincial considérao autor dun delito continuado de agresión sexual con acceso carnal, sendo a vítima menor de dezaseis anos, empregando o autor intimidación e aproveitando unha situación de prevalimento.
Na sentenza sinálase que non concorren circunstancias modificativas da responsabilidade criminal.
Ademais da pena de catorce anos de prisión, con inhabilitación absoluta durante o tempo da condena, impónselle ao acusado a prohibición de aproximarse á vítima, ao lugar no que resida, lugar de estudos ou traballo, ou calquera outro lugar frecuentado por ela nunha distancia de 500 metros, así como a prohibición de comunicación con ela por calquera medio, durante dezaseis anos.
Tamén se lle impón a medida de liberdade vixiada cunha duración sete anos, que se executará con posterioridade á pena privativa de liberdade.
Queda tamén inhabilitado para o exercicio dos dereitos da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento, por tempo de seis anos.
Tampouco poderá exercer calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuidos, que leve contacto regular e directo con persoas menores de idade por tempo de vinte anos.
En concepto de indemnización deberá abonar á vítima a cantidade de 10.000 euros.