Condena polo accidente do Alvia once anos despois: dous anos e medio de prisión para o maquinista e o cargo de ADIF

Pontevedra
26 de xullo 2024

Unha xuíza pontevedresa, María Elena Fernández Currás, acaba de condenar o maquinista do tren e o antigo director de seguridade na circulación de Adif por 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave profesional. Nas vías da curva da Grandeira faleceron tres veciñas de Pontevedra

Unha muller observa as vías de Angrois durante o acto do primeiro aniversario do descarrilamento do Alvia
Unha muller observa as vías de Angrois durante o acto do primeiro aniversario do descarrilamento do Alvia / Mónica Patxot

Once anos e dous días despois de que o tren Alvia descarrilase nas vías de Angrois, nos arredores de Santiago de Compostela, causando o accidente ferroviario máis grave da historia recente de España, o caso ten sentenza. Unha xuíza pontevedresa, María Elena Fernández Currás, acaba de condenar ao maquinista do tren e ao antigo director de seguridade na circulación de Adif como responsables. 

Francisco José Garzón Amo, maquinista que o 24 de xullo de 2013 conducía o tren Alvia sinistrado, e Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) no momento da posta en funcionamento da liña do sinistro, deberán cumprir dous anos e medio de prisión pola súa responsabilidade no accidente. 

A xuíza Fernández Currás, titular do Xulgado do Penal non 2 de Santiago, considéralles a ambos os autores de 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave profesional. Estaban acusados por 80 homicidios e 144 lesións, pero a maxistrada concluíu que as lesións sufridas no accidente non provocaron o falecemento dun dos viaxeiros, ocorrido 73 días despois, e excluíu da condena polo delito de lesións as supostamente sufridas por unha persoa que non acreditou que viaxase no tren. 

Entre as vítimas deste accidente había tamén veciños de Pontevedra e nas vías da curva da Grandeira faleceron tres veciñas da cidade: Laura de Juan, unha moza de 23 anos; Lucía Arosa, de 32 anos e que faleceu xunto ao seu noivo Jacobo Romero; e Antonia Baro Roldán, de 69 anos.

A sentenza condena ao maquinista condénano pola súa conduta "gravemente neglixente" porque respondeu unha chamada "carente de urxencia" do interventor, falou durante 100 segundos, perdeu a súa localización na vía e non viu algunhas dos sinais que lle permitisen decatarse de que se estaba aproximando á curva de Angrois. Cando se decato e activou o freo de emerxencia, xa non puido reducir a velocidade para evitar o accidente. 

Do cargo de Adif lembra a xuíza que estaba "legal e contractualmente" obrigado a "garantir a explotación segura da nova liña" e, embargo, nela "non había ningún sistema de protección continuo, como o ERTMS, que controlase a velocidade do tren". A xuíza reprocha que "resulta incomprensible".

Ademais da pena de prisión, a sentenza, de 530 páxinas, impón a ambos inhabilitación para o exercicio das súas profesións durante catro anos e medio, aínda que ambos están xa xubilados, de modo que non terá impacto no seu desempeño laboral.  

Ademais, a xuíza fixou en 25 millóns de euros as indemnizacións ás vítimas, que deberán pagar as entidades QBE e Allianz Global, aseguradoras, respectivamente, de Renfe Operadora e ADIF, ao ser os dous acusados traballadores de cada unha destas dúas empresas públicas.

Para fixar as indemnizacións, utilizou o chamado "baremo de tráfico" e aplicou un factor de incremento do 50 % sobre as indemnizacións básicas por falecemento, incapacidade temporal ou permanente para "cubrir o maior dano moral que deriva da vivencia dun accidente catastrófico como o ocorrido ou da angustia, zozobra e ansiedade padecida polos familiares dos viaxeiros que resultaron falecidos". 

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.