Concurso de espantallos ata finais de maio en Cerponzóns

Pontevedra
02 de abril 2025

A asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns organiza a sexta edición deste certame que busca fomentar a creatividade coa presenza destes bonecos nas leiras da parroquia pontevedresa

Espantallos
Espantallos

A Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns convoca a sexta edición do seu popular Concurso de Espantallos, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e o sentido do humor entre os veciños desta parroquia pontevedresa.

Como en anteriores edicións, o obxectivo principal é que as creacións dos participantes dean vida e cor a Cerponzóns, enchendo diferentes espazos da localidade con figuras orixinais que deberán ser expostas nas leiras entre este mes de abril e o 31 de maio.

As bases do concurso establecen total liberdade creativa para as persoas participantes, coa única limitación de que non se admitirán espantallos baseados en manequíns, bonecos ou figuras similares. Esta condición busca potenciar a orixinalidade e o enxeño na elaboración das obras.

Para participar nesta convocatoria é imprescindible ser veciño ou veciña de Cerponzóns.

As persoas interesadas deberán enviar unha fotografía da súa creación a través de WhatsApp aos números 628.387.430 ou 692.161.633.

Tamén poden enviarse as fotografías a través do correo electrónico a aavv.chedeiro.cerponzons@gmail.com.

Segundo apunta a organización, haberá "premios ben chulos" para as mellores propostas, aínda que non se concreta en que consistirán os galardóns.

Desde O Chedeiro agárdase que, como en anteriores edicións, a parroquia se encha de espantallos creativos e con moita arte durante estes meses.