'En Ribadumia tapa o teu baldón' é o lema seleccionado para o concurso de tapas e petiscosque se desenvolve este ano en Ribadumia con motivo do cincuenta aniversario da Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas.
O Concello indica que aqueles establecementos de hostalería do municipio que desexen participar teñen a oportunidade de sumarse a este proxecto que busca fomentar o consumo, dinamizar ao sector e poñer en valor a actividade gastronómica de Ribadumia.
Para participar é necesario contar coas licenzas oportunas e que os establecementos ofrezan petiscos, tapas ou cociña en miniatura continuada.
A inscrición é libre e sen gastos para os participantes, que deberán presentar un único petisco ao concurso. O prazo para apuntarse finaliza o 28 de abril.
O xurado terá en conta que os ingredientes mariden con viño tinto de Barrantes ou con calquera outra das variedades autóctonas tintas.
O prezo de cada petisco será de 1,50 euros e ofreceranse ao público desde o 17 ata o 21 de maio. Durante esas xornadas, o establecemento entregará unha enquisa para que os clientes avalíen a tapa. Esas opinións supoñerán o 50% da decisión mentres que o xurado especializado ofrecerá o outro 50% para decidir cal é a mellor tapa presentada ao concurso.
O Concello anuncia que haberá premio tanto para clientes que participen nas enquisas, con sorteo de dúas entradas para asistir ao Xantar da Confraternidade, como para o establecemento vencedor do certame que obterá 200 euros e un diploma.
As bases do concurso figuran na web municipal.