Concluída a ampliación na nave de almacenamento do punto limpo de Sanxenxo

Sanxenxo
31 de xullo 2024

A mellora inclúe novos contedores para voluminosos e recollida selectiva

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, nas instalacións do Punto Limpo
O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, nas instalacións do Punto Limpo / Concello de Sanxenxo

O concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, Yago Torres, visitou este mércores a ampliación realizada na nave do punto limpo. Unha obra que engade 144 metros cadrados á parcela, dotada de delimitación e cuberta ademais dun computador para control de residuos.

A mellora inclúe igualmente 16 novos contedores, catro deles de grandes dimensións para residuos voluminosos, e o resto para distribuír no municipio para a recollida selectiva.

En total, o investimento realizado aproxímase aos 160.000 euros, sufragados con fondos do Concello e unha subvención europea do Plan de Recuperación Next Generation.

Tanto materiais como equipos dispoñen de categoría ecolóxica e en canto aos contedores adquiridos dispoñen no frontal dunha placa informativa en braille sobre separación de residuos.

Os veciños domiciliados en Sanxenxo poden facer uso gratuíto do punto limpo facilitando os seus datos na recepción destas instalacións.

O horario é de 10.00 a 14.00 horas  e de 16.00 a 19.00 horas de martes a venres; e os sábados en horario de 10.00 a 13.30 horas.