O permiso excepcional concedido polo Concello de Poio para o uso do campo de billarda para estacionamento temporal de autocaravanas conclúe este luns. Deste xeito, a partir de mañá o uso do servizo habilitado na Reiboa para este tipo de automóbiles volverá a ser o habitual, de xeito que os usuarios poderán permanecer nesta zona, que conta con dez prazas, durante un período máximo de 72 horas, tal e como establece a ordenanza vixente.
A principios do mes de agosto, a Concellería de Seguridade Cidadá acordou, ante a proliferación de autocaravanas na zona, tomar medidas para evitar o colapso e a ocupación de prazas de estacionamento existentes na Seca, garantindo espazos para outros vehículos de visitantes, veciñanza e profesionais do sector marisqueiro.
Así, permitiuse, de xeito excepcional, a utilización do campo de billarda a modo de estacionamento durante un tempo máximo de 24 horas.
Para velar polo cumprimento desta medida, a Policía Local de Poio levou a cabo controis regulares, a fin de garantir que se cumpre tanto co límite de horario establecido como coa ocupación de zonas permitidas. O corpo de seguridade municipal salienta o bo comportamento dos usuarios, que, salvo contadas excepcións, respectaron estas limitacións. Tan só foi necesario multar a dez persoas, por sobrepasar o horario máximo.
De cara ao vindeiro ano, a intención do Concello é regular e mellorar esta área de servizo, mediante a dotación de sinalización e outras medidas.
Sobre o incremento de autocaravanas neste mes de agosto con respecto a outros anos, a concelleira Marga Caldas considera que se produciu porque "cada vez son máis os visitantes que optan por esta fórmula para gozar das súas vacacións", entre outras razóns, polo contexto derivado da Covid-19, que "anima a moita xente a desprazarse en vehículos particulares".