A mellora significativa das condicións meteorolóxicas permitiu que ao longo desta semana os operarios do Concello de Cuntis puidesen concluír con éxito os traballos de reparación e posta a punto dunha pasarela de madeira do río Gallo.
Esta infraestrutura presentaba danos importantes como consecuencias das riadas froito das intensas e prolongadas choivas que se veñen rexistrado ao longo dos últimos meses.
Tal e como explica o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, os traballos centráronse na posta a punto da ponte, que queda completamente barnizada e xa está aberta ao público. Ademais, tamén se optou por eliminar unha pequena barreira arquitectónica que existía neste emprazamento, polo que "agora este paso xa conta cunha accesibilidade completa", sinalou o rexedor.
Esta senda é un dos grandes atractivos cos que conta Cuntis, cun gran valor paisaxístico e medioambiental. Desde o Concello lévanse a cabo revisións e labores de posta a punto e limpeza nesta zona de xeito periódico, para garantir o seu bo estado de conservación.
Por outra banda, Campos Velay tamén adiantou que nos vindeiros días levaranse a cabo obras de mantemento no casco histórico cuntiense. "Estamos pendentes das previsións meteorolóxicas para saber cando poder comezar", explicou o alcalde, que adianta que as actuacións afectarán fundamentalmente á Rúa da Igrexa, Rúa do Balneario, Praza de Galicia e Praza do Ferrol.
Durante a duración das obras existe a posibilidade de que se produzan cortes puntuais de circulación ou se restrinxan temporalmente prazas de estacionamento.