Cun orzamento de 63.000 euros, esta semana remataban as obras para anchear o acceso ao núcleo de Limeres na parroquia de Cerdedo. Trátase dunha pista estreita e, con estes traballos, garántese o paso simultáneo de vehículos.
O Concello de Cerdedo-Cotobade sinala que a obra evita o colapso de circulación que se producía cando coincidían dous coches nesta pista que se atopa nunha zona de desnivel.
O alcalde Jorge Cubela e a concelleira Lourdes Ovelleiro revisaron este venres as obras que se completaron coa construción de muros de contención realizados en pedra para garantir a seguridade da vía.
Ademais canalizáronse as augas para evitar escorrentías, renovouse a capa de rodadura da pista e se retranquearon muros e peches de leiras.
Trátase dunha vía de pequenas dimensións, 210 metros de lonxitude, que permite o acceso ao núcleo de vivendas de Limeres, onde xa se executaron recentemente obras para modernizar a contorna, segundo indicaba o alcalde durante a visita, cunha partida de 50.000 euros procedentes do Plan Marco da Xunta.