Os operarios da brigada de obras do Concello de Poio acaban de dar por terminadas este martes as obras de mellora do camiño de San Martiño, na parroquia de San Xoán de Poio. Os traballos consistiron na dotación de todos os servizos de saneamento, abastecemento e pluviais á zona, así como para pavimentar e ensanchar unha vía que agora pasa a ter ao redor de tres metros de ancho nun tramo de 100 metros de longo.
A concelleira de Obras e Servizos, Chelo Bicada. comprobou a finalización do proxecto e aproveitou para lembrar que a obra contou cun orzamento de 3.000 euros e que forma parte dun programa municipal de mellora de camiños e accesos ao rural que inclúe actuacións en localidades de Samieira, Combarro ou San Salvador.
O seguinte vial no que actuarán os operarios municipais será o da Outeira, no lugar de Fontenla, cuxa mellora fora paralizada para realizar un estudo que permitise a adecuada implantación da rede de pluviais.