O uso responsable dos plásticos e a loita contra o lixo mariño é o eixe da nova campaña impulsada pola Xunta de Galicia. Baixo o lema 'Bye, bye plástico', o goberno autonómico levará a cabo accións de verán en distintos areais galegos, en redes sociais, e a creación dun personaxe para achegar á sociedade a importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos dun xeito máis lúdico.
Así o explicaron este venres en Vilanova de Arousa a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitaron para realizar unha das accións incluídas nesta campaña na praia de Terrón.
Nada no ano 2020, a acción principal consistirá na instalación dun posto desde o que se animará á xente a desfacerse dos plásticos de xeito responsable. Para iso repartirán bolsas da campaña coa finalidade de que as persoas garden os refugallos plásticos xerados durante a xornada e así visibilizar a cantidade de plástico xerada ou que axuden ao coidado do espazo enchendo a bolsa do plástico que atopen.
Tamén haberá unha ruleta con escenas de poses de surf que servirá como reclamo para que, quen desexe, utilice a ruleta e replique a pose que lle toque nunha plataforma que imita a unha táboa de surf.
Outras novidades son o incremento da presenza de 'Bye, bye plástico' nas redes sociais, engadindo perfiles de Facebook, Twitter, Instagram e Tik Tok, adquirindo maior personalidade grazas á figura de Plástico, unha botella animada que envía mensaxes de concienciación.
Con este tipo de accións, explicou Quintana, "desde a Administración galega buscamos transmitirlles á sociedade que reducir o uso do plástico e evitar que acabe en lugares coma o mar é un cometido de toda a cidadanía. Unha parte moi importante, é a poboación máis nova sobre a que facemos fincapé con esta iniciativa, pois as mozas e mozos son o futuro".
Pola súa banda, Vázquez destacou que "o Goberno galego se marcou como obxectivo poñer coto ao plástico e apostar por materiais máis sostibles, un dos principios inspiradores da nova Lei de residuos, que entrou en vigor en marzo deste ano, e coa que Galicia se situou como referente e á vangarda na loita contra o plástico; adiantándose ao Goberno central, e á Unión Europea", e lembrou que cada galego reciclou unha media de 14,6 quilos.