Profesionais da medicina, enfermería, celadores dos hospitais Montecelo e Provincial forman parte da Asociación Cultural 'O Chopo', que conta cunha coral polifónica homónima que leva 18 anos de vida.
Este venres 30 de xuño, con motivo da celebración da patroa do persoal sanitario, a Virxe do Perpetuo Socorro, volvían presentarse na escalinata de acceso ao Hospital Provincial para ofrecer un pequeno recital formado por catro pezas ante o público que se daba cita nesa céntrica praza pontevedresa.
Margarita Godoy, presidenta da asociación, afirma que a iniciativa xurdiu con motivo da pandemia coa intención de realizar o concerto ao aire libre nun espazo que se presta a que os viandantes se sorprendan ante esta actuación musical.
"O ano pasado foi un éxito e xa quedou", afirma a presidenta. O coro está formado por 42 persoas, con maioría feminina, e afirman que están abertos a que se somen máis incorporacións a esta agrupación, sempre que sexa persoal dos dous centros sanitarios. Ensaian dous días á semana no salón de actos do Hospital Montecelo.
Todos os anos participan no Encontro Musical Internacional Interhospitalario, un evento organizado con corais portuguesas e que este ano se desenvolveu en maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Este venres interpretaron, acompañados en ocasións por unha guitarra, 'Xa non sei cantar', 'Ruada da Chamosa' 'Pandeirada da chuvia', 'O último café' e 'O Miudiño', obtendo o aplauso do público.