Concepción Crespo Rivas estrea mural na 'súa' escola de educación infantil

Pontevedra
09 de novembro 2021

A Escola de Educación Infantil Crespo Rivas de Pontevedra estreou un novo mural en honra á mestra que dá nome ao centro, nunha acción enmarcada no proxecto 'O teu cole na historia'

Mural de 'O teu cole na historia' na EEI Concepción Crespo Rivas
Mural de 'O teu cole na historia' na EEI Concepción Crespo Rivas / Concello de Pontevedra

A Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas estreou a nova intervención artística do proxecto 'O teu cole na historia'.

A acción, impulsada pola concellería de Educación e o equipo creativo de Polo Correo do Vento, supuxo o pintado dun mural nunha das paredes do centro.

En concreto a pintura está presidida pola mestra que dá nome á escola, e nela aparecen ademais reflectidos o invernadoiro co que traballa o alumnado e a asociación ecoloxista Vaipolorío por unha banda e polo outro se lembra ás lavandeiras e a antiga estación de ferrocarril que estaba situada no actual barrio de Campolongo.

'O teu cole na historia' estreou ata a data murais no CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas, Ponte Sampaio, San Martiño, San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, o CEP Campolongo, Marcos da Portela e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.