Concentracións silenciosas nos concellos en apoio a Ucraína

Marín
09 de marzo 2022

A maioría dos concellos acolleron este mércores concentracións silenciosas ás portas das casas consistoriais, de 5 minutos de duración, convocadas pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP)

Concentración de apoio a Ucraína
Concentración de apoio a Ucraína / Concello de Marín

A maioría dos concellos acolleron este mércores concentracións silenciosas ás portas das casas consistoriais, de cinco minutos de duración, convocadas pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).

O obxectivo era o de transmitir o apoio e agarimo desde os municipios a todas as persoas que están a padecer as graves consecuencias do conflito bélico desencadeado desde hai unhas semanas pola Federación Rusa contra Ucraína.

O alcalde, Luciano Sobral, lembrou que as familias do Concello de Poio que estean dispostas a acoller a persoas refuxiadas poderán solicitar información poñéndose en contacto co departamento de Servizos Sociais, chamando ao número de teléfono 986872401.

O Concello da Lama ten previsto enviar este xoves, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea o primeiro cargamento de material recollido no consistorio con destino ás vítimas da guerra de Ucraína.

Tamén Sanxenxo participou nesta iniciativa cunha concentración. Ademais, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acudiu a unha reunión extraordinaria da Mancomunidade do Salnés para acordar medidas conxuntas de axuda humanitaria a Ucraína co obxectivo de que as actuacións resulten efectivas e eficaces. Así, en primeiro lugar os concellos poñerán ao dispor do Ministerio de Asuntos Exteriores, na medida das súas posibilidades, vivendas para familias de refuxiados ucraínos.

As persoas que o desexen e queiran colaborar con achegas económicas poderán facelo a través das ONG que están a traballar no país como son Cruz Vermella, Acnur, Ocha (Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas), entre outras. Co obxectivo de que a axuda que se preste de forma coordinada, desaconséllase acudir ás fronteiras para recoller a familias porque está a xerar problemas de coordinación coas administracións competentes, o Ministerio de Asuntos Exteriores e as comunidades autónomas.

A partir deste venres, suspéndese a doazón de alimentos e medicamentos no punto de recollida de Nauta e no resto da comarca. Desaconséllase a entrega de medicamentos ante a imposibilidade de garantir que cheguen en correcto estado.

 

Arquivado en