Concentracións nos hospitais públicos para reclamar á xerencia planificación do persoal para os vindeiros meses

Pontevedra
22 de maio 2020

Representantes sindicais de Prosagap, Co.bas e Cesm concentrábanse este venres para reclamar que se retome a actividade asistencial atendendo a unha programación pactada cos representantes do persoal. Sinalan que hai catro unidades sen actividade, malia o descenso de casos da Covid-19

Concentración de representantes sindicais e persoal sanitario para reclamar diálogo coa xerencia dos hospitais de Pontevedra / PontevedraViva

Un grupo de traballadores e representantes sindicais da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra concentrábanse este venres na entrada dos hospitais Provincial e Montecelo. Os delegados de Prosagap, Co.bas e Cesm alertan de que carecen de diálogo por parte da xerencia que lidera José Ramón Gómez.

Sinalan que, unha vez superada esta primeira onda de casos de coronavirus, sería necesario reactivar a actividade asistencial e, con todo, non existe unha planificación nin unha programación do persoal para os próximos meses. Denuncian que o xerente nin ningunha autoridade do Sergas mantén un encontro cos representantes sindicais nin co persoal para informarlles nin para negociar.

Afirman que unidades como cirurxía, trauma ou a unidade de curta estancia atópanse sen actividade e descoñécese cando volverán estar en funcionamento. O persoal destes servizos dedícase a realizar coberturas de ausencias en consultas.

A única previsión que coñecen é respecto ás consultas externas, de especialidades. Os servizos centrais comunicaron que será necesario que, a partir de xuño, se establezan consultas en horarios de mañá e de tarde para atender aos pacientes aos que se suspendeu a cita con motivo da expansión da pandemia.

Pero María Ferrero, representante sindical, alerta de que descoñecen os prazos, a que categorías afectará esta decisión e os horarios de traballo. "Non sabemos como van ser eses cambios de quenda. Se vai ser un mes ou todo o verán, se vai ser voluntario ou non", quéixase a delegada de Prosagap.

Estes sindicatos reclaman que se retomen as cirurxías e que as ausencias nas consultas se cubran con persoal contratado de maneira regulada. Ademais, anuncian que o 1 de xuño comezarán as vacacións dos sanitarios e desde a xerencia pediuse ao persoal que, en lugar de repartir eses días de descanso entre o verán e o inverno como estaba previsto, tomen as súas vacacións durante os meses de verán en temor a un segundo brote de enfermos de coronavirus no último trimestre do ano.