Concentracións nos centros de saúde para demandar a retirada do XIDE

Pontevedra
27 de xuño 2023

Persoal de Servizos Xerais reclama outra ferramenta xa que, segundo denuncian, o actual sistema de xestión integral de demanda en equipo (XIDE) establecido polo SERGAS provoca unha sobrecarga de traballo e xera unha situación de inseguridade xurídica para o persoal principalmente nas demandas de consulta urxente e sen cita que se piden no mesmo día

Concentración no centro de saúde da Parda contra o XIDE
Concentración no centro de saúde da Parda contra o XIDE / CIG-Saúde

Traballadores pertencentes ao persoal de servizos xerais (PSX) que traballan en centros de saúde de Pontevedra sumáronse á xornada de concentracións convocada en toda Galicia debido ao sistema que están a empregar para establecer citas na Atención Primaria.

Con esta acción de protesta reclaman, segundo indica CIG-Saúde, que se retire o XIDE e sexa cambiado por outro sistema que responda as necesidades do persoal para organizar a demanda asistencial ofrecendo resposta ás necesidades dos profesionais e da cidadanía.

QUE É O XIDE?

O XIDE (Xestión integral de demanda en equipo) é unha ferramenta establecida polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) que se utiliza desde este 2023 para establecer as citas nos centros de saúde de Atención Primaria atendendo á doenza que describa o paciente e facendo uso da intelixencia artificial.

Unha vez que o paciente transmite a súa situación no mostrador do centro de saúde, as palabras clave que utilice poñerán en marcha un sistema que indica ao persoal administrativo se debe ser derivado a persoal facultativo ou a enfermería e establece unha cita.

CRÍTICAS 

CIG-Saúde indica que na mesa sectorial celebrada este martes se trasladou o rexeitamento a esta fórmula e demanda un proceso de escoita e de negociación co persoal de Atención Primaria para que se busque un novo sistema.

Entenden que o XIDE provoca sobrecarga de traballo entre os profesionais PSX e xera unha situación de inseguridade xurídica para este persoal, principalmente nas demandas de consulta urxente e sen cita que se presentan no mesmo día.

Sinalan que o proceso provoca "colas enormes" diante dos mostradores e obriga a preguntar e concretar o motivo de consulta sen garantir a confidencialidade do paciente.