Concentracións en repulsa dos asasinatos de dous gardas civís en Barbate

Pontevedra
12 de febreiro 2024

Municipios de toda a provincia acolleron este luns actos de recordo aos dous gardas civís que perderon a vida este venres 9 de febreiro pola noite en acto de servizo cando foron arroiados por unha narcolancha no porto de Barbate

Concentración no Concello de Pontevedra en repulsa dos asesinatos de dous gardas civís en Barbate
Concentración no Concello de Pontevedra en repulsa dos asesinatos de dous gardas civís en Barbate / PontevedraViva

Municipios de toda a provincia acolleron este luns actos de recordo aos dous gardas civís que perderon a vida este venres 9 de febreiro pola noite en acto de servizo cando foron arroiados por unha narcolancha no porto de Barbate.

No caso de Pontevedra, houbo unha concentración silenciosa fronte á Casa do concello, outra fronte ao Pazo Provincial, sede da Deputación, e unha terceira diante da sede provincial do PP. Todas foron ás doce do mediodía.

Na da Praza de España participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, e o comisario provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz, entre outras autoridades e cargos públicos.

Tal e como sinalou o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, trátase dunha mostra de apoio e solidariedade coas familias dos gardas civís "asasinados" e en recoñecemento ao gran labor realizado polos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e "denunciando o nivel intolerable de violencia que hai ao redor do narcotráfico, que é unha lacra que temos que combater todos".

"Aquí en Galicia sabemos moito de narcotráfico e de como destrúe sociedades ao longo dos anos", engadiu.  

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, participou nun minuto de silencio celebrado diante da sede provincial do Partido Popular en Pontevedra para "mostrar o seu apoio e solidariedade coas familias dos gardas civís falecidos e recoñecer, ao mesmo tempo, o gran labor realizado polos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado".

Estes actos de recordo foron convocados pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Un dos axentes falecidos é Miguel Ángel Gómez. Tiña 39 anos e pertencía ao Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) e deixa viúva e unha filla. O outro garda civil falecido, David Pérez, era axente do Grupo de Acción Rápida (GAR). Tiña de 43 anos e nacera en Barcelona. Estaba casado e tiña dous fillos.

No suceso quedaron tamén feridos outros dous axentes, un deles de gravidade.

Oito persoas foron detidas polos feitos, entre os que se atopa o piloto da embarcación que provocou os feitos.